Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Contacontos, proxeccións, faladoiros, escritores...

Compartir:

Contacontos, proxeccións, faladoiros, escritores e moita diversión na Biblioteca Rego da Balsa!

Nas instalacións da rúa Bos Aires poderedes encontrar autores como Manuel Rivas, historias para nenos con TrinkeTrinke ou concursos e obradoiros

Manuel Rivas na Praza dos Libros de Carballo

Manuel Rivas na Praza dos Libros de Carballo

Se queredes animar as vosas tardes de inverno non podedes faltar ás actividades que organiza a Biblioteca Rego da Balsa o primeiro trimestre do ano. Atoparedes un completo programa no que todas as citas son de balde! Presentacións de libros, faladoiros, proxeccións, contacontos ou obradoiros para nenos e nenas invaden as instalacións da rúa Bos Aires entre o 13 de xaneiro e o 31 de marzo.

Entre todas as citas, hai que subliñar a visita do autor galego Manuel Rivas, que o 28 de xaneiro presentará o seu traballo "O último día de Terranova" a emocionante vida dunha libraría na que conflúen historias de amores, libros prohibidos, náufragos da vida e a memoria oculta da nosa historia recente a través da vida de Vicenzo Fontana. Estamos no ano 2014 e a libraría Terranova corre o perigo de desaparecer tras máis de sesenta anos de resistencia e despois de sufrir os máis duros temporais.

Ou tamén a presentación a finais de febreiro da obra de Fernando Fernández Rego "Saudade", que afonda na vida do coñecido músico Andrés do Barro, xa desaparecido, e que coa canción "Corpiño xeitoso" conseguiu ser número 1 nas listaxes de éxitos en España no ano 1970. Tivo o mérito, ademais, de ser un dos primeiros cantantes que usaron o galego durante a ditadura franquista. E máis aló dos libros, haberá proxeccións de documentais -cun ciclo especial dedicado ao medio ambiente- e faladoiros sobre temas tan variados como a Amazonía, os estilos de vida saudables ou os nosos soños e metas persoais.

Sesións dobres de contacontos co novo ano

Moitos nenos e nenas acoden a ver as historias de Trinke Trinke

Moitos nenos e nenas acoden a ver as historias de Trinke Trinke

Os máis pequenos e pequenas da casa sempre teñen un espazo especial nas instalacións da Biblioteca, neste caso continuando coas historias dos ratos de Lonxedetodo, Fuco e Lili Gruyére, que achegarán moitos mércores ás 17.30 e 19.00 h., en dúas sesións, contacontos para nenos e nenas de 3 a 8 anos. Duplicáronse as funcións para poder atender a elevada demanda, xa que a partir de agora en lugar de aforo para 60 nenos e nenas haberá espazo para 120. Animais, princesas, reis e criaturas máxicas cos e coas que xogar son só algúns dos personaxes que ocuparán o maxín de quen queiran visitar a Rego da Balsa. Ademais, haberá obradoiros de maquillaxe e de disfraces no Entroido, tamén na Ludoteca, e continúa o ciclo de "Pais e nais contan", no que os usuarios da biblio ofrecen contacontos relatados por eles mesmos.

E a partir do 1 de febreiro poderedes participar na segunda edición do concurso fotográfico #Biblionamórame, no que o ano pasado os usuarios da biblio seleccionaron o material ou o recuncho que máis lles gustou das instalacións, o publicaron nas redes sociais e gañaron un paquete formado por un libro, un CD e un dvd. As bases publicaranse proximamente no web da biblio.

Comeza o 2016 con bo pé nas Bibliotecas de Carballo!


Ligazóns

Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica