Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Gozade coa maxia do frío, das historias na...

Compartir:

Gozade coa maxia do frío, das historias na lareira e das paisaxes co Inverno Ancestral

Senda Nova organiza por terceiro ano consecutivo este programa que nos leva de viaxe polas comarcas de Bergantiños e Soneira

O Apalpador visitou aos nenos e nenas da comarca

O Apalpador visitou aos nenos e nenas da comarca

Dende finais de decembro a Asociación Ambiental Senda Nova promove o seu Inverno Ancestral, un proxecto que se asenta nos costumes populares dos máis maiores da comarca e que ten como obxectivo principal a transmisión deles á sociedade e, de xeito especial, aos nenos e nenas da Costa da Morte. A posta en valor do patrimonio inmaterial é, por tanto, o eixe arredor do que xira este proxecto con máis de 15 accións diferentes e con case 30 días de actividades espalladas polas comarcas de Bergantiños e Soneira.

Unha grande parte do cartel compóñeno as historias de inverno nas que os máis vellos e vellas do lugar narran as vivencias e a historia da súa parroquia a través de diferentes e interesantes temáticas axeitadas por un presentador tamén coñecedor da parroquia. En Carballo xa estiveron en Cances e Aldemunde.

Día Internacional dos Humidais en Baldaio

As historias de inverno estiveron en Aldemunde

As historias de inverno estiveron en Aldemunde

E unha das citas que se mantén tamén cada ano é a conmemoración do Día Internacional dos Humidais, este ano coa celebración dunhas Xornadas de interpretación en Baldaio. A través de saídas explicativas con escolares e abertas ao público en xeral polas diferentes parroquias que compoñen Baldaio achegarase a súa riqueza aos veciños e veciñas de Bergantiños. As actividades completaranse nunha intensa semana con charlas e outras actividades de aula.

O programa tamén visita o 4 de febreiro a Biblioteca Rego da Balsa co faladoiro “Unha viaxe ao Amazonas”, con Roberto Rivas e Elena Samamede e unha exposición fotográfica que permanecerá nas instalacións e coa que coñeceremos un patrimonio natural ben diferente ao noso.

Por último, o programa pecha cunha excursión a outros puntos da península para ver de primeira man as vivencias invernais noutros lugares diferentes. O destino aínda está sen definir. Estade atentos e atentas porque seguro non vai defraudar!

Apuntádemos ao Inverno Ancestral de Senda Nova!


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica