Parabéns aos gañadores do Concurso de Escaparatismo de Nadal!
O primeiro premio de 1.000€ foi para Muebles Luis, o segundo de 500€ para Poppy e dous premios de 250€ para Miriñaque e Amai-store
Muebles Luis gañou o 1º Premio
O xurado do Concurso de Escaparatismo de Nadal acaba de dar a coñecer o nome dos premiados e premiadas e quere agradecer o esforzo das 41 tendas que participaron no certame, duplicando a participación do ano anterior e vestindo Carballo coas mellores galas para facer que a vila brillase con luz propia durante estas datas. Composto por un representante do Centro Comercial Aberto, un representante de Axober, un representante da Asociación de comerciantes, hostaleiros e profesionais do barrio da Milagrosa, dous representantes das Asociación Crea Formas Artísticas e a Técnico de Turismo de Carballo en representación do Concello, o xurado tamén quere subliñar o elevadísimo nivel deste ano, cunhas deliberacións moi axustadas nas que nos primeiros postos a diferencia nas valoracións foi mínima. Por iso, transmítelles os seus parabéns a todos os participantes, a quen anima a seguir concorrendo ao certame en futuras edicións.
Fallo do xurado
Poppy gañou o 2º Premio
En todo caso, as bases establecen que só pode haber tres gañadores, que foron elixidos tendo en conta especialmente os criterios de calidade artística, composición, iluminación, utilización de elementos tradicionais do Nadal, orixinalidade ou esforzo e dedicación dos establecementos participantes. Todos os compoñentes do xurado tiveron a oportunidade de ver os escaparates en persoa, e de comprobar todos os parámetros que se recolleron na valoración. Finalmente, e despois das deliberacións, o fallo foi o seguinte:
- 1º Premio, dotado con 1.000€ para Muebles Luis (rúa Berdillo)
- 2º Premio, dotado con 500€ para Poppy (rúa Luís Calvo)
- 3º Premio, dotado con 250€ para Miriñaque (rúa Valle Inclán)
- 4º Premio, dotado con 250€ para Amai-store (rúa Valle Inclán)
Parabéns a todos! Deica o ano!