Xeoloxía
No areal de Razo atoparás unha auténtica praia fósil, formada no cuaternario.
Esta praia existía xa hai miles de anos pero estaba moito máis elevada que na actualidade, aproximadamente ao nivel da zona verde hoxe en día habilitada para o paseo e o recreo.
No cuaternario, o desxeo dos cascos polares fixo que o nivel do mar subira de modo moi considerable, de aí que a praia estivera entón a maior altura.
Fíxate na zona de cantís da praia de Razo. Non son de rocha dura, senón de cantos e area, e neles podes observar distintos estratos que son testemuño da evolución da praia ao longo de milleiros de anos.
De Razo parte un dos fenómenos xeolóxicos máis importantes de Galicia: a Depresión Meridiana, fondeira que racha o territorio galego de norte a sur, dende Razo até Tui. A Depresión Meridiana, cos seus aproximadamente 140 quilómetros, é a máis grande de Galicia.
Poderás apreciala facilmente nun mapa de Galicia, porque aparece como unha liña recta case perfecta que atravesa Galicia na súa parte occidental. Encaixa coa boca das rías, e por ela pasan algún dos ríos galegos máis importantes, como o Umia e o Ulla.
Dado que as súas son terras moi fértiles, vales chans e produtivos, moi apropiados para o desenvolvemento da vida humana, na Depresión Meridiana encóntranse algunha das principais vilas galegas máis importantes como o propio Carballo, Caldas, Padrón, Pontevedra, Redondela ou Tui.
Carballo é rico nun mineral, o volframio, que o fixo zona de interese estratéxico de primeiro nivel na II Guerra Mundial. Da mina de Monte Neme extraíase o volframio que o exército alemán precisaba para reforzar o seu armamento. Estados Unidos mesmo bloqueou a chegada de combustible a España durante un par de anos en represalia por surtir ao bando nazi deste importante mineral.
Pola zona pululaban, por aquel entón, espías ingleses que acudían ao estraperlo para que as e os veciños do lugar lle vendesen o volframio e evitar así que chegaran a mans alemás. Aínda que os traballadores da mina eran revisados ao terminar a xornada para evitar que levasen consigo o mineral, a picaresca conseguía burlar a vixilancia. Algúns deles mesmo furaban os mangos das súas ferramentas para meter nelas as pedriñas de tan prezado material…
Interesante é tamén, dende o punto de vista xeolóxico, a praia de A Pedra do Sal. As fracturas nas rochas son testemuño da formación de pequenas fallas, rupturas no terreo provocadas polos movementos da codia terrestre.