Carballo, sede este Nadal do mellor foto documentalismo internacional
Podedes visitar a exposición "Retrospectiva. 10 premios Luis Ksado" até o 7 de xaneiro no Pazo da Cultura: de 18.00 a 21.00 h.
A exposición "Retrospectiva. 10 premios Luis Ksado" reflicte dez olladas sobre temas moi diversos para ofrecer unha idea moi fidedigna de como comprender a fotografía como unha linguaxe visual que expresa sentimentos, formas de pensar e de entender o mundo. Son un conxunto de imaxes, algunhas impactantes, outras máis artísticas, que constitúen ás veces verdadeira narración cinematográfica, xa que este premio, que agora xa vai pola edición número 12, pretende recoñecer o traballo do autor máis aló da calidade e valor dunha única fotografía, que puido xurdir froito do azar. Así, o obxectivo é ter en conta a capacidade da persoa situada detrás da cámara para narrar unha historia en imaxes.
Entre os nomes que figuran entre os premiados hai que mencionar a Peter Marlow, Xulio Villarino, Vari Carames ou Fernando Fernández Paz, cuxas instantáneas poden verse no Pazo da Cultura con temáticas variadas que van dende a lacra dos lumes forestais ata o reflexo da idiosincrasia galega ou algo tan noso como estampas da Catedral de Santiago. Tampouco faltan temas de denuncia, con series dedicadas á prostitución ou á inmigración.
O premio Luis Ksado
Parte da serie sobre inmigración
O Premio Luis Ksado naceu no ano 1997 con vocación de fomentar a creatividade fotográfica e ligada ao foto documentalismo. Foi unha iniciativa acollida pola Deputación da Coruña e mantida ao longo dos anos formando parte dos premios que se dedican á cultura e á arte. É un premio consolidado e cada ano vai en aumento a participación como mostra do interese que suscita. Dende os seus inicios tivo unha vocación de ser un referente entre os concursos que se convocan en España e nas convocatorias que se teñen celebrado foron membros do xurado, entre outros, Manuel López, Josep Vicent Monzo, Arianna Rinaldo, Marisa Flórez, Raúl Cancio, Outumuro, Marta Daho, César Lucas, Pablo Juliá, Chema Conesa, Silvia Omedes, Isabel Muñoz, Oliva María Rubio e membros de Magnum Photo como Stuart Franklin, Bruno Barbey, Richard Kalvar, Chris Steele-Perkins, etc, algúns de medios tan prestixiosos como Magnum Photo.
O concurso tamén tivo dende os seus comezos unha vocación itinerante que ten levado á exposición por diferentes puntos da provincia da Coruña e tamén por fora, xa que acaba de chegar de Madrid. Ao final, o Ksado é algo máis que un concurso, xa que é ademais unha aposta pola fotografía en todas as súas facetas.
Para gozar coas mellores imaxes das dez primeiras edicións do premio, só tendes que achegarvos ao andar -1 ou á sala Alberto Gente, localizada na baixocuberta do terceiro andar do Pazo da Cultura. O horario, de 18.00 a 21.00 h. até o 7 de xaneiro. Boa ollada!