Axenda da finde
Que tal levades o pre-Nadal? Para escapar de tanta panxoliña en Carballo temos hardcore, pero tamén podedes entrar de cheo nas festas...
VENRES
O Apalpador leva toda a semana visitando os coles
Visita do Apalpador. Biblioteca Rego da Balsa. 18.00 h. O Apalpador chega a Carballo! Coñecédelo? É é a figura mítica dun xigante carboeiro, ligado á tradición do Nadal, do que existen testemuñas nas comarcas de Sarria, Quiroga, Lemos, Terra de Trives e os Ancares, aínda que se está a recuperar en toda Galicia. O Apalpador baixa a noite do 24 ou 31 de decembro para visitar os nenos e as nenas, tocándolles no ventre para ver se comeron abondo durante o ano, deixándolles unha presada de castañas e algún regalo e desexándolles que teñan un ano novo cheo de felicidade e fartura. Entrada libre.
Concerto de Nadal do Conservatorio Profesional de Música. Pazo da Cultura. 20.00 h. Alumnado de Grao Elemental e Profesional de Carballo levará a cabo un Concerto de Nadal, como realiza habitualmente nestas datas. Preto de sesenta rapaces e rapazas interpretarán obras de distintos compositores (clásicos e contemporáneos) que foron estudando ao longo deste primeiro trimeste do ano académico. As intervencións realizaranse ben como solistas ben como pequenas formacións que abranguen desde os dúos ata os cuartetos con diferentes instrumentos. Así mesmo tamén intervirán neste concerto o Grupo de 1º e 2º de Música de Cámara e a agrupación coral do alumnado de Grao Elemental. Entrada libre.
Concerto con Hongo, Amenaza de Muerte e Crú. Sala Dublín. 22.00 h. O 18 de decembro tendes unha cita co hardcore en Carballo cos grupos Hongo, Amenaza de muerte e Crú. Os primeiros son referentes da escena crust coruñesa e levan xa catro discos e catro xiras europeas. Podederes escoitar a súa música nihilista e chea de crítica social. Amenaza de muerte caracterízanse por un son baseado e melodías rápidas e pesados breakdowns. Levan percorrido festivais como o Criminal Hardcore Fest e o Resurrection Fest. Por último, Crú formouse a finais de 2014 e está constituida por ex componentes de Némese, Esterko o K-raxe. A súa música ten parte de rock, stoner ou hardcore e en xaneiro de 2015 gravan unha canción para un disco recompilatorio producido por Mamá Lola. Entrada, 5 €.
SÁBADO
O ano pasado Senda Nova tivo unha xornada de xogos tradicionais
Festival de Nadal de Aspaber. Pazo da Cultura. 12.00 h. Aspaber, a Asociación comarcal de pais e nais de disminuidos psíquicos de Bergantiños, organiza dentro do programa do Nadal Cultural 2015 un Festival de que se celebra no Pazo da Cultura a partir das 12.00 horas. Cada ano o auditorio queda pequeño para acoller esta divertida cita que adoita marcar o comezo do Nadal en Carballo. Entrada libre ata completar aforo.
Obradoiro de xoguetes tradicionais. Local de Senda Nova. 16.00 h. A Asociación Ambiental Senda Nova organiza o seu III Inverno ancestral, no que hai citas para animar os momentos máis crús da estación. Entre elas está este obradoiro de xoguetes tradicionais que terá lugar no local social da entidade situado na rúa Colombia. A cita conta coa colaboración do Concello de Carballo e forma parte do Nadal Cultural 2015. Entrada libre.
Festival de Nadal para a Terceira Idade. Pazo da Cultura. 18.00 h. Cada ano os maiores de Carballo celebran o Nadal con dóces típicos e o mellor baile. Estas festas contan con ata tres festivais para celebrar o Nadal, o Aninovo e os Reis. Este é o primeiro, coa actuación do grupo Chicas del Swing. Entrada libre.
VENRES, SÁBADO E DOMINGO
Exposición "Retrospectiva. 10 premios Luis Ksado". Pazo da Cultura. De 18.00 a 21.00 h. Dende o xoves 10 de decembro e até o 7 de xaneiro, e por suposto, durante toda a fin de semana, podedes visitar no 3º andar e no andar -1 do Pazo da Cultura unha mostra fotográfica que recolle imaxes impactantes, fermosas e de gran calidade que teñen gañado nalgunha edición o Premio Luis Ksado, un galardón que naceu no ano 1997 con vocación de fomentar a creatividade fotográfica ligada ao fotodocumentalismo. Foi unha iniciativa acollida pola Deputación da Coruña e mantida ao longo dos anos formando parte dos premios do organismo que se dedican á cultura e á arte. Poderedes ver imaxes de fotógrafos tan recoñecidos como Peter Marlow, Xulio Villarino, Vari Carames ou Fernando Fernández Paz. Non deixedes pasar a oportunidade de gozar con elas! Acceso libre.
VENRES, SÁBADO E DOMINGO
Harley-Davidson de primeiros do século XX
Exposición de motos de época. Centro Comercial Bergantiños-Gadis. Todo o día. A partir do sábado 12 de decembro e até o 10 de xaneiro -e en primicia durante toda a finde-, os amantes das motos antigas teñen unha cita no Centro Comercial Bergantiños-Gadis, xa que a Asociación de Amigos das Motos Clásicas de Bergantiños organiza unha exposición na que se exhibirán un total de 24 motocicletas de todas as épocas, de distintas marcas e modelos, que de seguro espertarán o interese dos afeccionados e afeccionadas, pero tamén de todos os veciños e veciñas que se acheguen á superficie comercial nestas datas. Desde marcas como Harley-Davidson a Derbi, seguro que gozades examinando estes vehículos que en ocasións son auténticas obras de arte. Entrada libre.