Carballo a un paso

Inicio // Artigos // "SemecachaDEScontóvos é unha actividade moi...

Compartir:

"SemecachaDEScontóvos é unha actividade moi divertida na que, ademais, conseguir premios"

Entrevista con Santi Pazos e Laura Tova

Santi Pazos e Laura Tova

Santi Pazos e Laura Tova co ratiño, ou ratiña, protagonista da campaña

As tendas de Carballo estarán invadidas entre o 18 de decembro e o 6 de xaneiro pola iniciativa SemecachaDEScóntovos, unha campaña que une no Nadal comercio, cultura, arte e diversión e pola que as vosas compras teñen premio. Así, podedes gañar unha postal ilustrada da artista carballesa Laura Tova para coleccionar ─con ata sete distintas─ e, ademáis, cada tarxeta ten un rasca co que poderedes “cachar” un premio directo aínda maior: vales desconto dun 15% ou dun 10% nas tendas da promoción, ademais de outros agasallos directos ilustrados por Laura: chapas, cadernos, bolsas e camisetas. A campaña tamén conta coa súa propia filosofía, ideada polo sociólogo Santi Pazos, para defender a marca de prestixio, calidade e bo facer da vila. Falamos con Laura e Santi para que nos conten todos os segredos da proposta!

─ Como xurdiu a idea de poñer en marcha SemecachaDEScóntovos?

Santi:
─ Hai moitos anos fun comisario en Madrid dunha exposición artística ao aire libre de gran formato na que un escultor presentou unha idea moi graciosa de pintar unha rateira nun edificio moi emblemático. Hai uns meses, viume á cabeza esa idea pensando en facer algo interesante en Carballo despois de “Ruar e rir”, proxecto no que a miña colaboración co colectivo Crea Formas foi moi fructífera. Ao principio falei con Laura Tova para crear un acto subversivo ao estilo de Bansky, como pintar un rato ou unha ratiña nalgúns dos edificios públicos de Carballo e de aí, démoslle unha volta máis e aproveitamos esa idea para impulsar Carballo e o seu comercio. Falamos co Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, a quen lle pareceu unha proposta moi interesante e así naceu semecachaDEScóntovos.

Laura: ─ Cando Santi falou comigo por primeira vez propúxome pintar unha rateira na Casa do Concello e crear un xogo no que a xente puidera participar. Díxenlle que si porque me pareceu unha idea orixinal. Logo estivemos falando durante uns días de facer algo a través de Facebook, inspirándonos nun xogo da rede social “¿Que hace un hombre con una sardina en la cabeza?” no que coas respostas da xente a esta pregunta acabou editándose un libro. Esa foi unha das opcións que barallamos ao primeiro, buscando a participación directa da veciñanza, pero, finalmente, xurdiu a idea da promoción comercial coa campaña de Nadal.

Santi: "Quixemos que non fora a campaña de Nadal habitual, senón facer algo diferente, contribuíndo á promoción da arte"

Como definiriades os vosos obxectivos ao deseñar a campaña?

Santi: ─ Hai que sinalar que o Concello escoita moi ben e nos permite desenvolver estas ideas “tolas” que podemos ter a xente máis ou menos creativa. Ao final o que quixemos é que non fora a campaña de Nadal habitual, con un simple sorteo de rifas, senón facer algo diferente, contribuíndo á promoción da arte. Ademais, eu como sociólogo quería ser tamén pedagogo e sinalar como o pequeno comercio ten que traballar para competir coas grandes superficies. Hai que romper cos seus moldes e non facer sempre as mesmas cousas. Poden crearse propostas novas, innovar e, sobre todo, ter a mente aberta. Por último, hai unha terceira vertente que é a diversión de levar para a casa un obxecto artístico ao mesmo tempo que se compra.

Laura: ─ Eu creo que o obxectivo principal é fusionar a parte comercial coa parte máis artística e tamén “obrigar” ao comercio de toda a vida a poñerse á altura dos negocios novos, a competir coas grandes superficies, a empregar as redes sociais como ferramenta...

Como chegástedes a construír o slogan, SemecachaDEScóntovos?

Santi: ─ No slogan traballamos todos os implicados na campaña e tiñamos varios. O primeiro era “Caza o rato”, sempre tendo en conta que o animal deseñado por Laura era un ratiño e fomos traballando con varios ata que chegamos a este que ten dúas vertentes. Unha delas é o xogo, cachar ou non cachar algo que se escapa, que é o rato; e a través do xogo de palabras temos ao mesmo tempo a parte literaria de xogar a contar unha historia. De todos modos é moi difícil lograr un bo slogan, pero penso que este recolle todos os aspectos que ten que ter a campaña: o desconto, contar un conto, a faciana artística e a parte lúdica.

tarxeta ilustrada

Unha das tarxetas ilustradas que podedes gañar

E a ti, Laura, como se che ocorreu o imaxe do ratiño, ou ratiña?

Laura: ─ A verdade é que o xénero do animaliño está sen definir, cada un o identifica ou a identifica como queira. E respecto da imaxe, ao primeiro queríamos que só se vira unha parte do rato, só a cola, por exemplo. Pero despois xurdiu a idea actual que me pareceu máis divertida, cun rato como desafiándonos e invitándonos a xogar. En canto ás tarxetas, despois de varias opcións, chegamos á conclusión de que queríamos contar unha historia pero non queríamos que fose moi pechada, con un principio e final específicos. Non sabía como facelo pero despois pensei que o rato desempeñara diferentes actividades e que cada un puidera ordenalas ao seu gusto, contar a historia que quixera. Ademais, se non tes as sete tarxetas, con tres tamén podes xogar e contar o que che apeteza...

Hai algunhas máis románticas, como a do telescopio, outras máis cotiás, como as compras...

Laura: ─ A da compra era obvio que tiña que estar porque era parte da campaña, e as outras foron xurdindo do meu imaxinario...

Laura: "Cada un pode ordenar as tarxetas ao seu gusto e contar a historia que queira"

Como foi traballar os dous xuntos? Traballarades antes?

Santi: ─ Durante o proxecto de “Ruar e rir”, como Laura forma parte de Crea Formas, coincidimos nun momento determinado e esa foi a primeira vez que falamos os dous sós. Tivemos tempo de ver o noso traballo e tomar un pouco de contacto. Logo non volvemos a facer nada ata esta proposta na que, quizáis de todas as persoas que se dedican ao deseño gráfico en Carballo, a máis axeitada para facelo era ela, porque traballa cun estilo moi particular e moi creativo, entre naif e pícaro, ademais de ser moi profesional.

Laura: ─ A verdade é que  “Ruar e rir” é un proxecto que a min gustoume moito. Despois, son unha persoa á que lle gusta participar en moitas iniciativas e Santi sempre ten moi boas ideas, eu son fácil de liar, coincidiu así e demos ben un co outro. Logo, durante o proxecto traballamos moi ben. Creo que entendín sempre o que Santi quería transmitir e fun moi libre sempre nas imaxes de facer o que quería...

Santi: ─ Custou un pouco, porque recoñezo que son moi manipulador, pero ela sempre deixou moi claro que nada de invasión de terreos, que unha vez que eu contaba unha cousa ela ía traballar a súa parte de deseño segundo o seu criterio e eu, obviamente, entendino así...

Quedástedes contentos con esa separación?

Santi: ─ Si, si...

Laura: ─ Eu creo que é fundamental nun traballo en equipo que cada un saiba que sempre pode dar algún consello e achegar algunha idea, porque sempre hai que escoitar. Pero tamén é básico que cada un teña marcado o seu terreo.

Cartel da campaña

Cartel da campaña

Que lle diríades á xente para que se anime a participar na campaña?

Santi: ─ Para empezar, se mercan este Nadal nos comercios de Carballo van formar parte dunha actividade moi divertida, ademais de conseguir os descontos e premios. E por outro lado, penso que quen participe e vexa a primeira tarxeta vai querer ter a colección, porque son moi bonitas e é un obxecto artístico que un pode enmarcar e gardar. E aos nenos e nenas da casa vailles encantar porque é un animaliño moi xeitosiño e gracioso. Por último, a campaña tamén é unha forma de colaborar nunha forma distinta de ver Carballo e de querer a Carballo.

Laura: ─ É fundamental que os comerciantes que participan crean que a campaña ten algún beneficio para eles e para o cliente para que se impliquen, porque ao final a campaña pensouse para que sexa beneficiosa para todos.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica