Carballo a un paso

Inicio // Que ver // Praias // Baldaio: o atractivo do natural

Compartir:

Baldaio: o atractivo do natural

Panorámica de Baldaio

Panorámica de Baldaio

Baldaio é praia, lagoa e marisma. Un areal no que respirar fondo e acougar, en contacto coa natureza. É, de feito, un dos humidais máis importantes de Galicia e zona de especial protección ambiental.  

O mar adéntrase na terra e mestúrase coas augas doces que chegan dos ríos da zona. Créase así un espazo, a marisma, moito máis fértil que calquera terreo de labranza.  

A barra de dunas, que une Baldaio a Razo, prolóngase ao longo de tres quilómetros. As e os carballeses gustan de completar o día de praia percorrendo a pé, coas ondas acariñando os pés, esta extensa zona de areal. Antigas como o máis prezado dos nosos monumentos, algunha destas dunas está xa fosilizada.

Aves protexidas

Aves en Baldaio

Aves en Baldaio

E é que máis vale cento voando. Dámoslle a volta ao refraneiro, porque en Baldaio, en efecto, poderás observar a centos de aves, especies únicas en Galicia, vivindo en harmonía nestas fermosas paraxes.

As lindes entre a marisma e a lagoa son lugar privilexiado para poder observar a gran variedade de aves que teñen en Baldaio o seu hábitat cotiá ou lugar de descanso ou destino na súa travesía migratoria.

Á entrada da lagoa foi construído un punto de observación ornitolóxica, onde poderás observar, sen que se decaten da túa presenza, o día a día destas aves, en pacífica convivencia co traballo das mariscadoras. Tamén tes a opción de sumarte aos roteiros ornitolóxicos que se organizan na zona.

Unha loita histórica

Lagoa de Baldaio

Lagoa de Baldaio

Durante catro décadas, Baldaio foi explotado por empresas privadas para a extracción de area. Destruíron a paisaxe da ría, variaron as súas correntes, construíron unha pista que partiu a marisma en dous, e mesmo lles impediron aos veciños e veciñas da zona extraer delas o marisco que lles permitía subsistir.

A batalla foi longa. Houbo manifestacións, detencións e represión. Mesmo un rapaz morreu despois de que a garda civil o obrigara a levar ao lombo, até o cuartel de Baldaio, o marisco que xuntara ese día na ría.

Tras unha longa disputa xudicial, o Tribunal Supremo devolveulle a lagoa aos veciños e veciñas na década dos 90. Nos últimos anos acometeuse un importante traballo de recuperación ambiental para intentar devolverlle a súa aparencia orixinal.

As mulleres do mar

Mariscadoras en Baldaio

Mariscadoras en Baldaio

Ninguén che poderá contar mellor o pasado e o presente da lagoa que as súas mariscadoras.

Son as persoas que mellor a coñecen.

Viven, senten, padecen e gozan da lagoa no seu día a día.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica