Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Música medieval e coral, arte e creatividade con Peter´s Room ou unha nova ruta de Senda Nova para aproveitar o mes de novembro

VENRES

Pres de Cambrai

Pres de Cambrai empregan instrumentos medievais

NCM. “O segredo do Pergamiño Vindel”. Pazo da Cultura. 21.00 h. O Novembro con Música (NCM) ofrece  un dos concertos máis orixinais do programa deste ano con Pres de Cambrai, realizando unha viaxe á Idade Media. Os integrantes da formación son músicos de consolidada experiencia no ámbito da chamada "música culta" e forman parte doutras agrupacións musicais de grande relevancia. Trátase dun concerto e dunha narración da transcrición que se fixo do misterioso e interesante Pergamiño Vindel que contiña sete cantigas de amigo asinadas polo trobador vigués Martín Códax. Un espectáculo que recrea, a través da palabra e da música, o relato dos misterios que, durante séculos se agocharon neste pergamiño, dándonos a coñecer a lírica profana galego portuguesa, cando acaban de cumprirse 100 anos do seu achádego. Entrada de balde.

SÁBADO

Festival de corais

Coro Aires de Bergantiños

Café tertulia sobre "As violencias contra as mulleres". Pazo da Cultura. 11.30 h. A Asociación Cultural Lumieira organiza un almorzo coa activista feminista e Vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, para conversar sobre "As violencias contra as mulleres" no marco dos actos para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres.  Están convidadas todas as persoas interesadas en afondar neste tema que tanto está a preocupar á nosa sociedade, e que, desgraciadamente, deixa vítimas mortais demasiado a miúdo. Entrada de balde.

NCM. Festival de Corais. Pazo da Cultura. 21.00 h. Dúas das agrupacións máis importantes da comarca, a Coral Polifónica de Bergantiños e o Coro Aires de Bergantiños, celebran o mes da música nun concerto moi especial no que as dúas formacións interpretan temas de variada procedencia, estilo e xéneros musicais. Estas dúas corais son un referente na música vocal da comarca pola súa traxectoria, así como pola súa profesionalidade e diferenzas á hora de interpretar o seu repertorio. Mentres a Coral se decanta por temas máis clásicos da polifonía o Coro Aires, pola súa parte, dedícase máis á música tradicional galega. Ao remate, as dúas formacións teñen preparada unha sorpresa musical. Entrada de balde.

SÁBADO E DOMINGO

Peter´s Room

Peter’s Room. 2º andar do Mercado Municipal. De 11.00 a 21.00 h. Chega a Carballo Peter's Room, un proxecto que fai confluír nun mesmo espazo a deseñadores e creadores emerxentes, de distintas áreas e sectores nun ambiente distendido e familiar onde non soamente se dan a coñecer produtos, servizos e marcas, senón que se crea unha experiencia única, onde o lecer e o entretemento teñen un papel importante. Desta volta, contan coa colaboración da carballesa Asociación Crea Formas, coa que ofrecerán obradoiros. O pago para participar nos talleres é unha doazón de comida para os canciños de Amigos de los Perros de Carballo. Ademais, haberá concertos e a elaboración dun mural en directo co que o público poderá colaborar. Diversión, arte, creación e oportunidades para comprar produtos orixinais e de calidade no Mercado Municipal. Non faltedes!

DOMINGO

Senda Nova

"Pegadas do Wolframio" pasa por Monte Neme

Outono en marcha. Ruta “Pegadas do Wolframio”. 8.15 h. O IV Outono en Marcha ofrece percorridos de sendeirismo por lugares de especial valor patrimonial, histórico, natural e paisaxístico de Bergantiños, mudando o punto de vista para observar a comarca a través da choiva, das follas secas e do outono. O domingo 22 de novembro é o roteiro "Pegadas do Wolframio" polos concellos de Carballo e Malpica. Unha das de maior dureza polos abundantes desniveis, ten saída en Oza e chegada en Cambre. Pasa por Razo da Costa e polas casas da mina de Monte Neme, un espazo cunha vista espectacular. Remata na Igrexa de Cambre en Malpica. Distancia a percorrer: 16 quilómetros. A cita, que dura todo o día, ten programada a saída dende a sede de Senda Nova na rúa Venezuela de Carballo. O prezo para partipar é de 6 € para adultos/as e de 3 € para menores de idade. Inscricións no 696 155 232.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica