Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Orixinais olladas sobre a actualidade coruñesa a...

Compartir:

Orixinais olladas sobre a actualidade coruñesa a través dos obxectivos de 21 fotógrafos

O andar -1 do Pazo da Cultura acolle até o luns 30 de novembro a exposición Fotoxornalismo 2014 que pode visitarse de 18.00 a 21.00 horas

Las bicicletas son para el verano

Imaxe "Las bicicletas son para el verano" de Pedro Puig

O ascenso do Dépor, o peche do centro comercial Dolce Vita, a victoria de Contador na Praza do Obradoiro, o traballo dos cirurxiáns no Chuac, un combate de boxeo ou simples olladas sobre a vida cotiá da cidade da Coruña. Son só algunhas das instantáneas que compoñen a exposición Fotoxornalismo 2014. Preséntanse 21 imaxes doutros tantos profesionais que abordan temas moi diferentes, que van dende o deporte ata a política, pasando pola paisaxe. Os seus autores son: Amador Lorenzo, Andy Pérez, J. Cabalar, V. Casteleiro, César Delgado, César Quián, Eduardo Pérez, Iago López, Javier Alborés, Jesús Sancho, Marta Capote, Marcos Míguez, Mero Barral, Paco Rodríguez, Carlos Pardellas, Patry Fraga, Pedro Puig, Susy Suárez, Óscar Paris, Torrecilla, Víctor Echave.

Cada momento plasmado nas fotografías está ilustrado por un breve texto moi suxerente, no que se resume a esencia do momento e do que quixo reflectir o profesional. Frases como "en todo o que acontece no mundo, son moitos os que traballan e moi poucos os que obteñen beneficios", ou "non levan capas nin teñen superpoderes. Son homes e mulleres aparentemente normais, con familia, amigos, virtudes e fraquezas. Pero en canto cobren o seu rostro, as súas mans e a súa cabeza, como ninja da sanidade consagrados a unha misión, obran o milagre".

Unha mostra que cumpre 14 anos

Fiera medieval

Imaxe "Fiera medieval" de César Delgado

Fotoxornalismo Coruña nace no ano 2000 como unha exposición fotográfica que pretendía mostrar o traballo dos fotoxornalistas da cidade da Coruña. Dende entón e sen interrupcións, a maioría de profesionais que traballan neste ámbito de actuación, tanto en diarios como revistas, gabinetes de comunicación e axencias de noticias seguen a reunirse cada ano ao redor deste evento e da publicación que edita a Deputación da Coruña. Así, conséguese unha extraordinaria mostra dos acontecementos que suceden na cidade ao longo do ano. En 2006, ademais, a Xunta de Galicia outorgou o premio Fotoxornalismo Galicia a este evento en recoñecemento á súa calidade e creatividade.

Non perdades a oportunidade de reflexionar sobre todo o acontecido no ano 2014 a través da orixinal ollada dos profesionais coruñeses. Podedes visitar a mostra até o luns 30 de novembro no andar -1 do Pazo da Cultura en horario de 18.00 a 21.00 horas.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica