Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Rematamos o mes de outubro con moito teatro, pero tamén con xornadas micolóxicas e gastronómicas, mercado na Milagrosa ou concertos de jazz

XOVES

Cinema Sticado

Cinema Sticado son Xosel Díez e Helena Varela

Café con… Cinema Sticado. Sala TV. Pazo da Cultura. 19.00 h. A compañía galega Cinema Sticado, que pecha o ciclo OTNI do FIOT, presenta o cómic “Strpts”, unha historia gráfica na que se reflicte a proposta teatral que presentan máis tarde no festival. Ademais,  a compañía, formada por Xosel Díez e Helena Varela, tamén achegará ao público presente, dun xeito informal e distendido,  as claves da  súa peza teatral.

Cinema Sticado presenta "Strpts//Episodio 1: Mirlo & Rula". Pazo da Cultura. 21.00 h.  Cinema Sticado, nova compañía galega, presenta no FIOT a súa obra "Strpts//Episodio 1: Mirlo & Rula”, o primeiro espectáculo da triloxía "Strpts". A peza conta a historia dun home sixiloso e unha muller soñadora que cruzan os seus destinos nunha fuxida inesperada por culpa dun segredo a voces. Intriga e sangue nun mundo en desequilibrio coa natureza, sen dereitos sociais e ateigado de corrupción política. En vivo e en directo, esta obra multidisciplinar con cinema, performance, teatro de obxectos e poesía visual hipnotiza ao espectador cun mundo en miniatura e unha experiencia asombrosa.  Duración prevista do espectáculo, 60 minutos. Entradas 3 €. Dispoñibles o mesmo día da función no despacho de billetes do Pazo da Cultura a partir das 19.30 horas.

VENRES

Gabriel Chamé presentan “Othelo”

Gabriel Chamé presentan “Othelo”

Café con… Gabriel Chamé. Sala TV. Pazo da Cultura. 19.00 h. Encontro con compoñentes da compañía arxentina Gabriel Chamé, que interpretan máis tarde no FIOT a obra “Othelo”. No encontro participarán os intérpretes da obra e outros integrantes da compañía. O obxectivo das citas do “Café con…”  é o de achegar os espectáculos teatrais ao público dun xeito informal e distendido, resolvendo dúbidas e curiosidades mentras gozan dun agradable momento tomando un café.

Gabriel Chamé presentan “Othelo”. Pazo da Cultura. 21:00 h. O director e clown de importante traxectoria, o arxentino Gabriel Chamé, pon o acento internacional do FIOT 2015 con "Othelo", unha nova forma de achegarse ao texto universal de Shakespeare. Este clásico está reinterpretado por catro actores especialistas en clown e teatro físico que, con doses de humor, dan vida a todas as personaxes desta historia sobre celos, amor, lealdade, violencia, cobiza e vinganza. En definitiva, o tráxico convertirase en cómico. Entradas, 7 €. Poden adquirirse en <ataquilla.com> ou o propio venres no despacho de billetes do Pazo da partir das 19.30 horas. A duración prevista do espectáculo é de 100 minutos.

SÁBADO

Charo López en

Charo López en "Ojos de agua"

VIII Xornadas micolóxicas de Lumieira. Saída: Fórum Carballo. 10.30 h. A Asociación Cultural Lumieira organiza a segunda xornada das súas saídas micolóxicas ao monte para poder recoller algúns prezados exemplares. O coordinador da xornada é José María Traba Velay, que guiará aos participantes polos montes da contorna. O regreso está previsto para as 16.30 horas, cando se realizará a catalogación dos produtos recollidos e a valoración da xornada. Inscricións e máis info nos teléfonos 609 884 714 e 647 437 906. Tamén é posible obter máis información e anotarse no enderezo a.c.lumieira@gmail.com.

Fiotiño. Obradoiro de locutores de radio. Biblioteca Rego da Balsa. 11.00 h. O FIOT organiza no marco do Fiotiño o obradoiro "Locutores de radio", no que 15 rapaces e rapazas de 10 anos en diante aprenderán a escribir un guión para a radio vinculado ao mundo do teatro. Trátase dunha experiencia única para fomentar a creatividade, a expresividade e o traballo en equipo a través dun divertido xogo de radio para dramatizar e crear historias. Esta é a última xornada deste taller, que contou con tres sesións cada semana dende o sábado 17 de outubro.

Ron Lalá e Gago Films representan “Ojos de agua”. Pazo da Cultura. 21.00 h. A 24 edición do Festival Internacional Outono de Teatro pecha coa popular e recoñecida actriz Charo López, que dá vida á Celestina en "Ojos de agua", peza de Ron Lalá e Galo Films (Madrid). Creada a partir de diversos fragmentos da peza de Fernando de Rojas, esta representación reescribe o pasado e o futuro do mito e os grandes temas da obra orixinal. Os espectadores poderán comprobar como a historia enlaza directamente co noso tempo, explorando unha personaxe tan fascinante como contraditoria, que confesa os seus segredos máis profundos. A duración prevista do espectáculo é de 80 minutos. Entradas esgotadas.

Concierto de TINOprojectTIO. Bodegón O Pescador. 22.00 h.TINOprojectTIO é unha formación rotativa creada especialmente para tocar en pequenas salas, con músicos seleccionados para enriquecer cada sesión, ofrecendo unha selección de temas en clave de jazz, orientada a a menizar musicalmente á clientela. Este sábado están no Bodegón O Pescador para realizar versión de temas coñecidos de rock e soul con grande calidade musical.

DOMINGO

Outono en marcha. Ruta “Razo-Baldaio para protexer”. 8.15 h. O IV Outono en Marcha ofrece percorridos de sendeirismo por lugares de especial valor patrimonial, histórico, natural e paisaxístico de Bergantiños, mudando o punto de vista para observar a comarca a través da choiva, das follas secas e do outono. O domingo 1 de novembro é o roteiro "Razo-Baldaio para protexer". Con saída en Santa Mariña e chegada en Castrillón, este percorrido realízase en outono para poder observar a lagoa de Baldaio coa presenza das aves migratorias, unha das riquezas deste espazo natural. A distancia é de 14 quilómetros e a dificultade media-baixa. A cita, que dura todo o día, ten programada a saída dende a sede de Senda Nova na rúa Venezuela de Carballo.

XI Xornadas gastronómicas do boi de Galicia. Restaurante Río Sil. A partir do 1 de novembro.  O restaurante río Sil participa un ano máis nunhas xornadas de exaltación de auténtica carne de boi galego, cun peso equivalente ao de tres touros de lidia e unha idade de entre 8 e 9 anos para conseguir o punto idóneo para a carne dos lombos do animal. As reservas poden facerse no propio restaurante o no seu teléfono, o 981 700 478. Serviranse os pratos até agotar existencias.

XOVES, VENRES, SÁBADO E DOMINGO

Minamer. Outono Market da Milagrosa. Horario: venres, de 17.00 a 21.30 h.; resto de días, de 11.00 a 21.30 h. A Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Profesionais do barrio da Milagrosa organiza unha nova cita comercial, desta volta aproveitando a ponte, ofrecendo no Fórum Carballo todo tipo de produtos, que van dende bisutería até alimentación, complementos, mobles, roupa, artesanía, moda, antigüidades, etc. Quen realice compras superiores aos 20 euros levará de agasallo castañas asadas. Outono de compras en Carballo!

Exposición Versión Orixinal. Pazo da Cultura. De 18:00 a 21.00h. O andar -1 do Pazo da Cultura acolle a exposición "Versión orixinal", inspirada na XXIV edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). O domingo 1 de novembro é o último día para visitar esta mostra na que tres artistas carballeses, Eva Facal, Mon Lendoiro e Laura Tova interpretan a través das suas obras o fío condutor do festival. Cada un deles reflicte a través do seu traballo o que para eles significa a “versión orixinal”, é dicir, tres versións diferentes sobre un mesmo concepto e idea. Mon Lendoiro opta por unha pintura misturada con collage, Laura Tova expón unha obra pictórica fusionada con outros elementos e Eva Facal montou unha instalación. O resultado: tres obras fusionadas nunha soa, pero cada unha con entidade propia. Dálle unha última ollada ao FIOT!


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica