Vive a versión dourada das paisaxes máis espectaculares de Bergantiños
Un ano máis Senda Nova propón até seis percorridos para coñecer baixo o prisma do outono lugares de especial valor natural e histórico
A choiva, as follas secas e a especial luz do outono crean nos meses de outubro e novembro un momento máxico para poder gozar coas cores, os olores, o patrimonio e as paisaxes da comarca de Bergantiños. Ano tras ano, e xa van catro, a Asociación Ambiental Senda Nova propón un especial percorrido pola nosa contorna para poder vela tinxida cos dourados, verdes e marróns desta época: a lagoa de Baldaio, o Coristanco histórico, as capelas da Laracha, o Monte Neme, mámoas e Pazos ou as férvedas de Rus e Entrecruces. Son só algúns dos espazos sobre os que botamos unha ollada diferente grazas ao Outono en Marcha. Con expertos que informan aos asistentes dos datos máis relevantes e curiosos dos concellos de Coristanco, a Laracha e Carballo, polos que transcorren os roteiros, as citas tamén serven para axudar a protexer os espazos de interese paisaxístico, natural e cultural da contorna máis próxima, grazas ao labor da entidade e dos participantes nos percorridos.
O deseño da actividade fai que as persoas compartan unha cita amena e interpretativa, na que cobra especial importancia a poboación máis nova e na que as paradas nos puntos e lugares de interese permiten explicar e debullar os tesouros que unen as paisaxes, os monumentos e os lugares. A convivencia e o espírito deportivo e de aventura tamén sobrevoan as xornadas destes domingos nos que, sen importar a choiva, os veciños e veciñas tamén son quen de observar a súa contorna a través das gotas de auga.
Un dos percorridos transcorre pola Ruta das Férvedas
Non perdades a oportunidade de participar e coñecer mellor os segredos dunha comarca máxica. As inscricións poden realizarse ata dous días antes de cada roteiro no local de Senda Nova na Rúa Venezuela, nº 12, de Carballo os mércores, xoves e venres de 16.00 a 19.00 horas. Tamén pode obterse máis información en <www.sendanova.org>, no Facebook <www.facebook.com/senda.nova> ou no enderezo <sendanova@hotmail.com> e no teléfono 696 155 232. O prezo para partipar é de 6 € para adultos/as e de 3 € para menores de idade. Os socios/as de Senda Nova maiores de idade pagan 3 € e 1 €, os menores. Inclúese o transporte ao lugar das rutas, así como un avituallamento.
Vive o outono! Vive a comarca!