Axenda da finde
O FIOT enche as citas da última semana de setembro, pero tamén temos música coral e as Festas dos Remedios de Ardaña. Hai onde escoller!
VENRES
Vaivén Teatro son expertos en acrobacias
“Fitness” de Ibuprofeno Teatro. Locais da Rúa dos Contos. De 20.00 a 22.30 h. A primeira fin de semana do FIOT adianta un petisco do que vai a ocorrer na Rúa dos Contos a partir do venres 2 de outubro. A pallasa Marián Bañobre percorre en bicicleta os espazos públicos e os locais de hostalaría que participan na Rúa facendo deporte en todas as súas variedades, interaccionando e sorprendendo aos transeúntes, que se verán trasladados a situacións fóra da dinámica cotiá. Humor e crítica á obsesión polo aspecto físico e o coidado do corpo.
“Hábitat” de Vaivén Teatro. Praza do Concello. 20.30 h. Vaivén Circo é a compañía encargada de abrir o noso Outono de Teatro co seu espectáculo de creación contemporánea “Deshábitat”. Esta historia de rúa encargada de inaugurar o FIOT conta desde o movemento a necesidade do individuo de atopar o propio espazo vital. O público que se achegue á Praza do Concello de Carballo poderá gozar con coreografías circenses, acrobacias, danza, unha escenografía viva e moito circo. O argumento conta a traxectoria de catro persoas que buscan un lugar onde sentirse na casa. Un lugar que non esperan, no que deixou de haber vida, que non sabe deles, pero onde queren estar. É un sitio que os fai sentir ben e os acolle, e xunto a uns compañeiros descoñecidos, uns personaxes que queren tranquilidade, cooperan para conseguila. Pero, como normalmente ocorre nas relacións humanas, xorden pequenas rifas que se teñen que superar con humor, con poesía, con risco, nun ambiente que transportará aos espectadores a un mundo cheo de matices. A entrada é gratuíta e aberta a todo o público.
SÁBADO
Sesión vermú con Luis Rivera e Chicharrón. Rúa Coruña. 13.00 h. O FIOT e o festival de música Sereas e Piratas únense para lembrar a Alberto Gende, deseñador gráfico, Xograr de Outono 2012 e creador da imaxe tanto do Outono de Teatro como do festival de música durante anos. No caso do FIOT, desde os seus inicios ata o 2011. Esta sesión vermú, que volve levar ao festival carballés á rúa, é un concerto homenaxe ao creador a cargo dos seus amigos do mundo da música: Luís Rivera e membros da primeira formación do grupo Chicharrón, entre os que tamén estaba Alberto, que presentarán os seus respectivos discos dedicados ao carballés. Música, arte e bo rollo tamén teñen cabida no FIOT.
30 aniversario do Coro Aires de Bergantiños. Pazo da Cultura. 21.00 h. O Coro Aires de Bergantiños celebra o seu 30 aniversario cunha actuación no Pazo da Cultura, que contará coa presenza, ademais da propia formación, da Coral Airiños de San Pedro de Nós. Cada agrupación cantará seis temas: a anfitrioa, de tradición popular; a convidada, do repertorio clásico. Música coral de calidade para todos os públicos.
SÁBADO E DOMINGO
Orquestra Costa Oeste
Festas dos Remedios en Ardaña. Ardaña celebra en Vivente as festas dos Remedios por todo o alto durante toda a fin de semana. O sábado comezan os festexos con dianas e alboradas, con misas de 9.00 a 13.00 horas. E xa arrincamos con forza coa sesión vermú co Dúo Diamante, mentres que pola noite a verbena será coa orquestra Costa Oeste e a disco móvil Impacto. O domingo, a sesión vermú correrá a cargo do Grupo Alvein, e inclúe actuación e pasarrúas co grupo de baile e gaitas Lembranzas de Bergantiños. Pola tarde, a fin de festa será a partir das 17.00 h con hinchables, animación e touro mecánico para os máis pequenos. E non hai que esquecer que este ano as festas inclúen a celebración do primeiro Torneo Ardaña Tute, tamén o domingo a partir das 17.00 h no campo da Capela dos Remedios e con trofeos para os finalistas. Ademais, haberá carpa para as verbenas. Ardaña en Festas!