Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Carballo transfórmase en outubro no gran teatro...

Compartir:

Carballo transfórmase en outubro no gran teatro do mundo

O FIOT achégase ao cuarto de século acompañado de dúas grandes actrices e damas do teatro: Charo López e Blanca Portillo

Blanca Portillo

Blanca Portillo presenta "El testamento de María"

O mes de outubro sempre muda Carballo nun gran teatro. “O mundo enteiro é un teatro, e todos os homes e mulleres simplemente comediantes”, dicía William Shakespeare. E no noso caso, durante 37 días esta premisa estará moi preto de converterse en realidade. Xa son 24 anos de FIOT, do Festival Internacional Outono de Teatro. Case un cuarto de século de crecemento incesante que fan que o FIOT sexa agora moito máis que un festival para converterse nun conxunto de festivais: a programación de sala, que este ano ofreceranos o privilexio de ver a dúas enormes actrices, Charo  López e Blanca Portillo; a Rúa dos Contos para o teatro de rúa; o Obxecto Teatral Non Identificado (OTNI), para as propostas máis arriscadas; o Fiotiño, para seguir sementando entre os máis cativos e cativas o xermolo do teatro; Dálle un bocado ao FIOT, para implicar a toda a vila, e nomeadamente aos bares e tascas, na cita cultural máis importante de Carballo; o Teatro de rúa, para que as táboas se integren na nosa vida cotiá; a Escola do espectador, para estar en contacto permanente co público, a parte máis importante do FIOT; o Xograr de Outono, que este ano recibirá merecidamente a actriz galega Susana Dans; o Zoom FIOT, porque as artes escénicas teñen que estar relacionadas; ou o programa de Voluntariado, porque os afeccionados ao teatro queren achegar o seu grao de area para sacar adiante unha cita que converte a Carballo na capital das artes escénicas de Galicia.

Versión orixinal

Charo López

Charo López revisa a historia de "La Celestina"

Cada ano, o FIOT de butaca pon o foco teatral sobre un leitmotiv, e nesta edición o fai sobre a “versión orixinal” dos personaxes que invadirán todos os recunchos da vila. Son personaxes que reclaman o protagonismo da súa voz, da súa propia versión sobre a súa vida. Máis aló da historia tal e como quixeron contala, defenden a súa mirada persoal e íntima para converternos en testemuños e cómplices da súa “versión orixinal”. Así, redescubriremos a historia da Celestina con “Ojos de auga” e Charo López; os ciumes de “Othelo“ cos arxentinos Gabriel Chamé; ou o “Edipo“ de Sófocles cos portugueses Companhia do Chapitô; reviviremos con Blanca Portillo a historia da Virxe con “El testamento de María“; ou observaremos o día a día dun “Presidente“ con Celso Parada. Completan as funcións do Pazo da Cultura “Juanita Calamidad” das andaluzas Chirigóticas; “Los esclavos de mis esclavos”, da madrileña Producciones Meridional coa que o FIOT mantén unha longa relación e que estrean no festival; a soberbia e arriscada “Los nadadores nocturnos”, de Draft.Inn; ou as “Constelaciones” protagonizadas por Inma Cuevas. Creadores e creadoras moi diversos recrearán unha ampla e equilibrada gama de xéneros, estilos e linguaxes evidenciando a riqueza da escena teatral.

Narración oral en bares e tascas

Quico Cadaval

Quico Cadaval

Dezaoito espectáculos para dúas fins de semana é o longo percorrido que ofrece a Rúa dos Contos, un emblema da narración oral galega. Coa complicidade dos locais de hostalaría carballeses, esta é a proposta teatral para as primeiras noites de outubro, que poderedes acompañar dunha tapiña, un café, unha caña ou unha auga. Os lugares préstanse para aderezar ao noso gusto contos, monólogos, música, maxia, improvisación, clown ou variedades nun contacto máis próximo co público. Seis das obras son estreas, tres delas en Galicia e outras tres absolutas, e xunto ás novidades figuran tamén os grandes referentes xa vellos coñecidos e coñecidas do público do FIOT. Os nomes propios da XVII Rúa dos Contos son: Luís Rivera e Chicharrón, os Quinquilláns, Antón Coucheiro, Paula Carballeira, Pepo Suevos, Daboapipa, Manuel de Eva, Chanson Mor Món, Féliz Albo, Mofa e Befa, Federico Pérez, Avelino González, JuanCálla-te de Pez en Raya, Boneca Lareta, Os revenidos, Os sete magníficos máis un, Oswaldo Digón e o peche cunha estrea de Quico Cadaval.

O máis arriscado do FIOT

Pez Limbo

Os vascos Pez Limbo estarán no OTNI

O ciclo dedicado aos Obxectos Teatrais Non Identificados cumpre seis anos reservándose para a oferta do FIOT menos convencional, presentada desde novos códigos e linguaxes e desde a dramaturxia máis contemporánea. Este ano medra pasando de tres a catro proposas, con referentes creativos, técnicos e estéticos moi dispares que nos ofrecen unha perspectiva ampla das tendencias escénicas máis actuais. Veñen “Latente”, da canaria Paula Quintana, “Mamá Gallina” dos vascos Pez Limbo, “Locus Amoenus”, dos cataláns Atresbandes. E por último, dende Galicia, Cinema Sticado chega ao FIOT co primeiro espectáculo da súa triloxía Strpts “Episodio 1: Mirlo&Rula”. Non faltedes, cada ano o OTNI agocha pequenas xoias do FIOT que conquistan a máis e máis espectadores.

O futuro do teatro

Fiotiño

Os nenos gozan cada ano co Fiotiño

Mención especial merece o Fiotiño, unha proposta que xurdiu en 2013 e que está dedicada aos máis cativos e cativas, que pasan unha noite no teatro, aprenden máis sobre a súa maxia e mesmo poden facer e representar as súas propias obras a través das ondas a través do Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís. Xunto con eles, o FIOT presta especial atención aos espectadores, coa súa propia escola, o Premio do Público, con encontros coas compañías nos xa moi queridos “Café con...”, co recoñecemento aos profesionais do gremio co Xograr de Outono...  E suma infinidade de actividades paralelas que se irán desvelando pouco a pouco segundo avance o festival.


Esperámosvos amantes do teatro. Longa vida ao FIOT!


Ligazóns

Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica