"No Xiria Pop sempre hai calidade. Aquí non traemos grupos con outro criterio"
Entrevista con Xabier Graña
Xabier Graña
Achégase a terceira finde de setembro e con ela chega tamén o Xiria Pop, a última das grandes citas festivaleiras do verán e toda unha referencia para os amantes da boa música. Detrás deste evento, que terá lugar o venres 18 e o sábado 19, está o carballés Xabier Graña, que leva 18 anos traballando para que o festival manteña a súa esencia e conte cun elevado número de adeptos que veñen a Carballo cada ano para gozar dos grupos na Sala Dublín sen importar quen estea no cartel. Aínda que sempre é bo. Moi bo. Modesto á hora de falar dos seus méritos como alma mater do festival, pero defendendo a calidade musical das actuacións, Graña falou con nós sobre a edición deste ano.
─ Como se consegue manter un festival durante 18 anos?
─ No caso de Carballo, porque o Concello colabora, sen o apoio institucional constante este tipo de festivais non podería funcionar. Logo, ten que gustarche organizalo e ter paciencia. E tamén hai moita mitoloxía arredor do tema da organización. Hoxe en día é moi fácil localizar aos grupos. Por exemplo, a The Bevis Frond ─cabeza de cartel deste ano─ mandeilles un mail grazas a Google Translator e así nos comunicamos ata pechar a actuación. Ademais, ao cabo do tempo constrúes unha rede de coñecidos importante. Todo o mundo dá boas referencias nosas porque ofrecemos hoteles dignos, un bo espazo para tocar, un bo técnico de son… Os grupos veñen contentos aquí e acaban falando ben de ti.
"A actuación do Xiria Pop que máis recorda todo o mundo é a de Roy Loney, foi unha festa terrible"
─ Xa sabemos que é difícil escoller, pero, despois de tanto tempo, cal sería a túa actuación favorita?
─ A que máis recorda todo o mundo é a de Roy Loney, foi unha festa terrible. Ese ano trouxéramos tamén a Chris Wilson, que tocaba o venres e agardou ata o sábado para tocar con Loney e era a primeira vez que tocaban xuntos. Logo fixérono en máis ocasións, pero en Carballo foi a primeira vez. Viñeran dúas persoas dende Francia en exclusiva ao Xiria Pop só para velos tocar xuntos. Ao final, tocaron tres ou catro cancións e converteuse nunha das actuacións que máis se lembran.
─ A estas alturas son máis de 120 grupos os que teñen pasado por Carballo, en distintas salas, en diferentes etapas... a quen non trouxeches aínda e estás desexando que veña?
─ Sempre digo o mesmo e a xente xa me vacila, pero é Graham Parker. O ano que o traia retírome ─di entre risos. Gústame moitísimo. Saíu na época do punk aló polos anos 70 e facía música new wave aínda que agora tende máis ao rock americano. As súas composicións son moi características, ten unha voz e un xeito de cantar que fan moi fácil identificalo. Un dos seus guitarristas xa tocou no Xiria Pop. Hai pouco fun ver a Parker a Londres cuns amigos e seguirei intentando traelo. Seguramente quererá cobrar máis do que lle podemos pagar, pero seguireino intentando.
"The Bevis Frond levan máis de 30 anos tocando, teñen máis de 20 discos e son unha referencia mundial no seu xénero"
─ Que vai atopar a xente na edición deste ano?
─ Seguramente, este é o ano en que o cartel do venres responde a un perfil máis concreto de música. Sempre é o día máis pop, pero nesta edición está dedicado case exclusivamente á psicodelia. O sábado adoita ser o día máis divertido e rockero, e seguimos mantendo esa liña. En concreto, BB sin sed é un grupo que lle pode soar a moitos, xa que o poñíamos moito no Bule nos seus tempos. E, por suposto, están The Bevis Frond como cabeza de cartel. Levan máis de 30 anos tocando, teñen máis de 20 discos e son unha referencia mundial no seu xénero. E Nick Saloman ─o líder da banda─ é un músico de culto. Este ano por primeira vez houbo catro ou cinco persoas que contactaron dende hai días para reservar entrada, o que resulta moi significativo. Estase xerando bastante ruxerruxe arredor desta actuación.
─ Por último, para quen non viñera nunca ao festival, que lle dirías que ten de especial o Xiria Pop?
─ O que sempre hai é calidade. Non é por inmodestia, pero aquí non traemos grupos con outro criterio que non sexa ese. Un dos músicos deste ano, Cabezafuego, chegou a dicirme que o Xiria Pop é un dos poucos festivais do estado en que o criterio principal é a música. E ese é o noso obxectivo fundamental.
Cartel e entradas
Xabier Graña déixao ben claro, se queredes música de calidade, non faltedes ao Xiria Pop. O prezo da entrada é de 15€ para un día; e de 25€ o bono para o venres e o sábado. Poden mercarse na propia Sala Dublín. Ademais, o venres e o sábado ás 19.30h preséntanse, tamén na Dublín, dous libros relacionados coa música coa presenza dos autores: Fernando Fernández Rego falará da súa biografía de Andrés do Barro, titulada "Saudade"; e o sábado, Jaime Gonzalo presenta a súa triloxía sobre o rock and roll "Poder freak: una crónica de la contracultura".
Deixámosvos aquí os nomes de todos os grupos, así como a orde de intervención prevista para cada xornada:
VENRES
- 22.45h – Puma Pumku
- 23.40h – Salto
- 0.45h – The Bevis Frond
- 2.25h – Biscuit
- 22.45h – Cabezafuego
- 23.45h – Lie Detectors
- 0.45h – Los Tupper
- 1.55h – BB Sin Sed