A axenda da finde
A II Foliada do Bosque, baloncesto en cadeira de rodas, festas en Oza, Ponteceso, Muxía e Caión: a fin de semana vén cargadiña
VENRES, SÁBADO E DOMINGO
Festas dos Milagros de Oza. Levamos unha semana ben milagreira de verbenas e romerías, e seguimos, desta volta en Oza cun programa de tres días. O venres con verbena pola noite coa orquestra Ciclón e a discomóbil Traffic. O sábado, despois da misa, con sesión vermú coa orquestra Trova, que tamén se encarga da animación pola noite. E o peche coa discomóbil Factory. E para o domingo, a comisión reserva unha orquestra sorpresa tanto para a saída a misa como para a verbena, que neste caso comeza ás 18.00 h.
SÁBADO
II Foliada do Bosque. Bosque do Añón. Dende as 11.00 h. O Bosque do Añón recolle por segundo ano consecutivo a tradición musical das romerías e celebra a súa foliada a orillas do río Anllóns. Será benvida calquera persoa con gañas de festa, xa que non é necesaria inscrición previa: gaiteiros, pandereteiros, tamborileiros, bailadoras e bailadores e, por suposto, todos os veciños e veciñas. Un encontro arredor da música tradicional dende media mañá e ata que o corpo aguante, coa presenza de Habelas hainas e Raúl Galego. Haberá bochinche con comida e bebida a prezos populares, zona de acampada e tamén carpa. Como novidade, haberá xogos infantís para que non haxa que deixar aos cativos e cativas na casa e algunha sorpresiña máis (aquí entre nós, podería aparecer Bieito Romero, de Luar na Lubre). E, quen o desexe, tamén pode levar a súa propia comida e a diversión dende a casa. Ademais, aproveitando o deseño do cartaz, de Luis Dávila, haberá camisetas á venda para presumir de foliada. A superar as 200 persoas do ano pasado!
SÁBADO
Final da Copa Galicia de baloncesto en cadeira de rodas. Pavillón Vila de Noia. 18.00 h. Ademais de verbenas e foliadas, este finde tamén poderedes gozar cunha disciplina deportiva espectacular, a estrela do deporte adaptado: o basket en cadeira de rodas. Os mellores equipos de Galicia -o Basketmi Ferrol e o Amfiv de Vigo- disputan a Copa nun emocionante partido. Ademais, nas filas do Basketmi está o carballés Manuel Cantelar, que espera facer un bo papel diante do seu público. Poderedes coñecer máis de preto un deporte que sorprenderá a moitos e gustará á maioría.
ROMERÍAS
E por se vos apetecen outro tipo de citas, esta fin de semana na Costa da Morte celébrase a romería da Virxe da Barca, en Muxía; a Barquiña, de Ponteceso; e rematan os Milagros de Caión (A Laracha) coa baixada da Virxe dende a ermita o domingo. Tres citas sobranceiras da comarca ás que tamén podedes apuntarvos, ou mesmo combinar para sacarlle o máximo partido á finde.