Carballo a un paso

Inicio // Artigos // A axenda da finde

Compartir:

A axenda da finde

Moda co casting do CCA, alfombras florais na Milagrosa, festa do barrio da Cristina e algunas das últimas verbenas do verán: arrinca setembro!

VENRES

Casting CCA

Casting do desfile do CCA Carballo. Rúa Colón. 18.00 h. 
A rúa Colón transfórmase nunha pasarela para realizar as probas de selección entre os veciños e veciñas que desexen participar no desfile que o Centro Comercial Aberto realiza cada ano coa moda de outono-inverno. Cativos e maiores amosarán o seu talento sobre a alfombra vermella. Despois de varios anos tendo lugar na rúa Coruña, o casting aproveita a recente peonalización da vía para sacarlle partido ao novo espazo. Hai anotadas arredor de 200 persoas. Comeza o espectáculo!

SÁBADO E DOMINGO

O cantautor Serj é de Vimianzo

Festa do barrio da Cristina. Música, comida, inchables, karaoke, maxia e moitas gañas de pasalo ben. Iso é o que atoparedes na festa que organizan arredor de 80 veciños e veciñas do barrio da Cristina nas rúas Vicente Risco, Manuel Murguía e Túnel. Comezamos o sábado á noite (22.30 h.) co concerto de Serj, un cantautor que, ademais de facer versións de artistas como The Beatles ou Coldplay tamén ten un traballo propio, "Velaivén". Ao remate, unha mini sesión de fogos de artificio. O domingo, o programa céntrase no día, cunha sesión vermú con Os Trastes de Cances, unha comida entre a veciñanza e animación para os máis cativos con inchables, karaoke e unha merenda. O peche, ás 19.00 h. co Mago Charly.

TODA A FINDE

Alfombras da Milagrosa

Festas da Milagrosa. As alfombras florais da Milagrosa son unha das citas máis esperadas do mes de setembro. Cada ano, dende que remata a festa, os veciños e veciñas xa están preparando a próxima edición, deseñando os debuxos para transformar o barrio nun enorme e colorido tapiz. Pero o resultado non pode verse ata o domingo pola mañá, así que antes, as celebracións xa van quecendo motores. A procesión dos fachos é o venres a partir das 22.00 h., nun espectáculo de lumieiras nouturnas que percorren o barrio. As verbenas contan o sábado con Meigallo da Terra e un grupo sorpresa, e pola noite comeza a elaboración das alfombras; o domingo a música corre a cargo de Arume de Berdillo, a orquestra Superfama e Killer Cats. Propostas para todos os gustos durante toda a finde!


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica