Carballo a un paso

Inicio // Coñece Carballo // Por parroquias // Artes

Compartir:

Artes

Pazo de Vilardefrancos

Pazo de Vilardefrancos

Extensión: 6,5 km²
Poboación: 326 habitantes

Se queres facerte unha idea do poderío dos señores dos pazos na zona, vén pola parroquia de Artes, moi preto da da vila. Artes é coñecida polo pazo de Vilardefrancos, no que, até non hai moitos anos, aínda habitaba o marqués.

O pazo, que foi erguido polos Pardiñas Vilar de Francos, é do século XVIII na súa maior parte, mais conta cunha torre central que se remonta aínda máis atrás, á época de Carlos V.

Igrexa de San Xurxo de Artes

Igrexa de San Xurxo de Artes

Nos noventa foi vendido e hoxe é propiedade dunha empresa hostaleira. Consérvase en moi boas condicións. 

Tamén en Artes está o pazo das Pallas, propiedade privada e pechado ao público, que pertenceu á familia Bermúdez de Castro. 

Pretiño do pazo de Vilar de Francos érguese o carballo de Santo Antón, que colle o nome do santo ao que está dedicada a capela do pazo. O carballo ten xa varios centos de anos. De porte impoñente, fan falta varias persoas para abrazalo e as súas ramas son tan grosas e longas que lle dan sombra case na súa totalidade á finca na que está plantado. É unha das poucas árbores que forma parte do catálogo de árbores senlleiras de Galicia. 

Desde Vilar de Francos, se colles a pista que vai á Altiboa, chegarás ao Coto do Castro. Son moitas as lendas que se crearon ao redor deste recinto castrexo. Na croa hai unha pedra cunha cruz debuxada e un V. A cruz indica que este é o lugar onde se atopan as parroquias de Ardaña, Rus e Artes. O V, orientado precisamente cara a Artes, representa á familia Vilar de Francos.


Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader