Carballo a un paso

Inicio // Coñece Carballo // De onde vimos // Paleolítico

Compartir:

Paleolítico

Fendedor-120.000 a.C. - Baldaio. Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón, A Coruña

M. Arqueolóxico Castelo de San Antón

Non sabemos se nos fondos da lagoa de Baldaio estará asentada a Atlántica, esa mítica cidade asolagada, como ficcionou a rica imaxinación do pintor e escritor Urbano Lugrís. O que é certo é que os vestixios máis antigos dos primeiros homes e mulleres que habitaron no concello, datados no Paleolítico, encontráronse soterrados na zona de Baldaio.

En Noicela, a nove metros sobre o nivel do mar, atopouse un biface (pedra tallada de dúas caras) de cuarzo do período Acheulense, no Paleolítico Inferior. A Acheulense foi, de feito, a primeira cultura lítica que empregou bifaces, que eran utilizados en ferramentas como os machados de man ou as coitelas.

Os máis antigos destes utensilios prehistóricos atopados no concello datan aproximadamente do 120.000 antes de Cristo. É o caso da peza que podemos ver nesta fotografía, feita sobre unha lasca de cuarcita gris, que se encontra agora no Museo Arqueolóxico de Santo Antón, na Coruña, ao igual que outras ferramentas prehistóricas que foron localizadas no noso termo municipal.

Estes rudimentarios instrumentos, tallados rusticamente na pedra, dan conta dunha época, o Paleolítico, en Galicia pouco estudada. Os nosos solos son ácidos e húmidos, o que fai difícil a conservación de restos orgánicos. Mais pezas, como as que garda o Museo Arqueolóxico de Santo Antón sobre o noso concello, axudan a abrir luces sobre o noso pasado.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica