Carballo a un paso

Inicio // Artigos // "Es como si el mural te envolviese"

Compartir:

"Es como si el mural te envolviese"

Entrevista a Aryz, muralista de renome internacional que pintou en Carballo para o Rexenera Fest.

Decidiuse a vir a Carballo porque o atraeron esas tres paredes do Fórum que dan a un mesmo espazo, e que agora conseguen envolvernos no imaxinario de Aryz. Miúdo, introvertido, unha pregúntase de onde este mozo, que é xa muralista de nome destacado no eido internacional, saca as enerxías para pintar de dez da mañá a dez da noite durante dez días seguidos, non un, senón tres muros.

-Como te sentes máis cómodo? Nos grandes formatos como os murais, ou no pequeño formato, como é o caso dos cadros?

-Depende do momento. Hai ocasións  nas que me sinto máis cómodo no exterior, nas que o corpo me pide máis desgaste físico, pero outras veces é máis un traballo introspectivo no que prefiro estar no estudo, encerrado e investigando. O exterior require moita máis enerxía, mais todo o que fixeches antes de preparación no interior acábase trasladando á parede. É tanto un traballo intelectual como físico.

-En que tipo de superficies che gusta pintar como muralista?

-Normalmente prefiro edificios nos que poidas interactuar o máis posíbel no espazo. Unha das razóns polas que elixín este espazo é porque son tres pareces nas que se crea unha contorna. É como se o mural te envolvese. Ese é o motivo principal polo que viñen, porque me gustaban as tres paredes.

-Cal é a mensaxe que queres transmitir co que estás facendo no Fórum?

-Tampouco dou moita importancia ao que é a mensaxe, senón máis ben á linguaxe, ao encontrar a túa propia linguaxe e as túas propias maneiras de desenvolver unha idea. Iso é o que estiven facendo ultimamente, buscando o oficio no que estamos facendo. Polo simple feito de estar pintando paredes xa se nos dá certa importancia. Agora estou tirando un pouco para atrás e buscando algo de oficio para logo poder tirar para adiante outra vez. É un proceso no que a veces tes que retroceder, para entender certas cousas de como funciona o mural, e logo poder empuxalo para adiante. Neste caso, o que fixen foi xogar con elementos cos que xoguei noutras ocasións, noutros muros, e buscar os recursos que teño para poder solucionar un espazo no tempo que teño. Nunha das paredes, as máis longas, está reflectida dalgunha maneira o caos. Nas dúas caras en certo fálase de como ti mesmo es o teu peor inimigo, ao menos como artista.

-Nunha das paredes, as figuras son masculinas, están en acción, e noutra das paredes as figuras son femininas e están en repouso. Quixeches xogar coa dualidade feminino-masculino...

-Se representara dúas mulleres pelexando podería ter unha connotación diferente ao que quería. Non me gusta que todo sexa moi obvio, que as cousas teñan sentido por completo. Non me interesa esa narrativa.

-Pintaches en distintas cidades do mundo, moi diferentes entre si. Como é iso de chegar a un lugar e aí plasmar a túa obra? Fas a túa obra independentemente do lugar no que pintas ou non?

-Polo xeral hai un pouco de interacción coa zona, aínda que non neste caso porque non hai moita información ao redor. Normalmente xogo coas cores que hai nesa contorna. O feito de facer unha alegoría á zona é algo que non me interesa. Na búsqueda na que estou, non estou explicando historias. Céntrome máis na linguaxe. Creo que podo achegar outras cousas. Ti tes que crear as túas propias normas, o teu xogo. Non me interesa xogar os mesmo xogo cós outros. Cando vexo que hai algo que funciona moito, gústame fuxir diso.

-Adoitas optar polas cores frías. Por que?

-A min nunca me gustou chamar a atención. Hai quen di que, cando pintas na rúa, estás impondo o teu traballo á xente. O traballar cores saturadas é para que o espectador encontre el mesmo a obra. A cor viva é moito máis agresiva ao espectador de modo que, cando alguén pasa por aí, está case obrigado a fixarse nese traballo.

-Como ves a situación da arte urbana no Estado?

-Eu creo que en España hai moito nivel. Non temos nada que envexar. Mais o problema é que non temos apoio. Noutros países hai xente que consome e compra esta arte. Por desgraza,  aquí, como non se está consumindo, ou te vas fóra, ou tes que cambiar de disciplina. Hai moita xente que o está facendo moi ben e, por desgraza, noutros países que non hai nin a metade de talento, teñen máis apoio económico. En España, non hai a figura do novo rico, o mozo que fixo diñeiro, que non lle veu herdado. Aquí, o diñeiro adoita ser herdado. Moitas desas familias veñen do franquismo. Ese tipo de xente consomen outro tipo de arte. O que estamos facendo nós non deixa de ser contrario a moitas das súas ideas.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica