Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Rexenera Fest: dende o mundo para Carballo

Compartir:

Rexenera Fest: dende o mundo para Carballo

O primeiro Festival Internacional de Arte Pública de Carballo congrega esta semana en Carballo cinco recoñecidos muralistas

Dulk no Fórum

Dulk no Fórum

Impresiona velos traballar. Onde até este luns só habia paredes brancas ou edificios grises agora emerxen sorprendentes obras de arte.

O italiano Pixel Pancho, o portugués Bordalo II, o recoñecido Aryz, o emerxente Dulk e, en representación galega, o muralista e ilustrador Nómada, traballan con trazo firme e veloz. Teñen até este domingo, o día en que remtará este I Festival Internacional de Arte Urbana, para rematar o seu traballo.

Por en valor

Bordalo II no Fórum

Bordalo II no Fórum

Dende hai ano e medio, Carballo estase a converter en referente galego da arte urbana grazas ao seu proxecto "Derrubando muros con pintura", que xa conta cunha vintena de murais, de artistas galeg@s, estatais, e internacionais en distintos puntos da vila.

O Rexenera Fest pretende por en valor o traballo realizado até o de agora, do que participaron artistas tanto locais como estatais e internacionais, xunto á obra deste cinco muralistas de recoñecido prestixio. O desexo de cara a un futuro, consolidar o festival e colocar a Carballo no circuíto internacional da arte urbana.

Máis ca pintura

Pixel Pancho na Gran Vía

Pixel Pancho na Gran Vía

O Rexenera Fest conxuga, nesta súa primeira edición, estilos diversos mais unidos por un común denominador. Todas os artistas convidados coinciden en facer arte chea de contido, e ese foi precisamente unha das razóns pola que foron seleccionados. Aryz fala da dualidade no mural que debuxa sobre unha das paredes do Fórum, onde emerxen dous rostros marcados pola expresividade que o caracteriza.

Moi preto del, tamén no mesmo edificio, están a traballar Dulk e Bordalo II. Dulk, cun estilo moi próximo á ilustración infantil, plasma na súa parede un imaxinario no que os animais son protagonistas, e pon o acento así nunha mensaxe cruzada pola defensa do medio ambiente. A de Bordalo II, cunha forma de traballar moi próxima á instalación, está a ser, quizais, a obra máis sorprendente, pois nela emprega materiais de refugallo para construír un mural en relevo, en denuncia dese consumismo imperante que nos leva a xerar montañas de lixo.

Mensaxes de fondo

Nomada na rúa Fomento

Nomada na rúa Fomento

Nun edificio á beira do Anllóns, na rúa Fomento, está a traballar Nómada, o representante de Galicia nesta edición. Almeriense de nacemento mais, desde hai tres anos, compostelá de adopcion, inspírase para o seu mural na lenda do dolme da Pedra Moura que conta que as pedras deste monumento megalítico que podemos atopar na parroquia carballesa de Aldemunde foron carrexadas por unha moura ao mesmo tempo que aleitaba e fiaba.

Legado de futuro

Aryz no Fórum

Aryz no Fórum

Na Gran Vía, á altura da rúa Rosalía de Castro, o italiano Pixel Pancho está a debuxar tres porquiños, un deles metade animal e metade robot e outro xa por completo mecanizado. Son as súas creacions moi plásticas, con moito volume e con influxos da banda deseñada.

Este sábado, xa na recta final do Festival, celebrarase un concerto na Sala Dublín co que se despedirá aos artistas convidados. Será a partir das 23.30 e de balde, e contará coas actuacións de Xenderal e Chek Selectah, e mais da Magnifique Bande dos Homes sen Medo.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica