Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Da ciencia á ficción

Compartir:

Da ciencia á ficción

A Semana do Libro e a Lectura chega este ano á súa décima edición. Celebrarase do 11 ao 15 de maio.

Na pasada edición da Semana do Libro

Na pasada edición da Semana do Libro

Non hai ciencia que non naza da curiosidade e non hai mellor forma de espertala que a lectura. Achegarse á ciencia de maneira lúdica e inculcar o goce de ler son os obxectivos principais da edición deste ano da Semana do Libro e da Lectura, que se celebrará en Carballo do 11 ao 15 de maio. A cita, organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega e o concello bergantiñán, chega este ano á súa décima edición, e faino baixo o lema “Da ciencia á ficción”. O programa foi presentado este mércores no Pazo da Cultura carballés.

As poetas Lucía Aldao e María Lado, a ilustradora Noemí López, Baobab  Teatro, a narradora e actriz Bea Campos, a escritora Raquel Queizás e ou Mago Richard formarán parte dun programa que tamén incluirá outras propostas. Entre elas, unha sesión divulgativa e unha obra de teatro organizadas polo do CSIC ao redor do traballo científico e adaptadas para o público infantil, así como obradoiros das máis diversas temáticas, dende robótica e extracción de ADN, até electrónica, papiroflexia ou maxia con obxectos cotiás.

A Semana do Libro e a Lectura desenvolverase pola mañá nos centros de ensino carballeses, en aulas con alumnado de diversos cursos de Primaria, e pola tarde no Pazo da Cultura con actividades abertas para todo o público. O programa inclúe este ano, como novidade, o I Certame Escolar de Carballo “A auga que dá pan”, dirixido a alumnado de Educación Infantil e Primaria do municipio bergantiñán e dividido en dúas categorías: creación plástica, para Infantil, e banda deseñada,para Primaria. Por en valor a auga, non só como recurso natural, senón tamén como fonte de alimento e enerxía, será o fin do concurso, tal e como subliñou o presidente da AS-PG, Xoán Costa, no acto de presentación. O certame esixe participación grupal, ben de aulas ou de grupos dentro dunha mesma aula. Os gañadores daranse a coñecer o día da clausura, o venres 15 de maio.

O programa completarase con tres exposicións. Dúas delas estarán centradas no mundo editorial: unha con traballos do selo infantil Kalandraka, e outra con libros cedidos por diversas editoriais. Haberá tamén unha terceira mostra con materiais elaborados por alumnas e alumnos dos centros de ensino de Carballo ao redor do lema que este ano inspirou a Semana do Libro e da Lectura.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica