Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Cando as fotografías teñen alma

Compartir:

Cando as fotografías teñen alma

Unha selección de 68 fotografías conforman a mostra que se lle dedica ás obras premiadas e presentadas este ano ao concurso fotográfico Xosé Manuel Eirís.

"Ría triste", a foto gañadora

Dende finais deste abril podedes visitar, no Pazo da Cultura, un bo monllo das máis de cen fotografías que este ano se presentaron ao Certame Xosé Manuel Eirís. Lugar preferente, na cabeceira da mostra, ocupan as imaxes premiadas este ano. En primeiro lugar, a gañadora, “Ría triste”,  un chamado ao respecto á natureza: augas en branco e negro convertidas en vertedoiro de despoxos consumistas. O premio, de 700 euros, foi para Pastor García Queijas, de Culleredo.

Acompáñana o segundo premio, “Planeta can”, do coruñés Juan Luis Rúa Prieto, os accésit “Madeira de castaño”, presentado pola carballesa Mercedes Lea Furelos e “Rabbi at the kotel”, do catalán Jordi Cohen Colldeforns, de Barcelona, e o premio especial Carballo, que foi para o compostelán José López Pérez por unha rupturista imaxe no que a vila se ve reflectida no espello das ventás do seu centro comercial.

Paisaxes e paisanaxes

"Carballo no CCB", gañadora do premio especial Carballo

Esta é a XVII edición do certame, que ano tras ano convoca o interese de amantes da fotografía de todo o Estado. O concurso está dedicado á figura do primeiro animador cultural do concello de Carballo, Xosé Manuel Eirís, que deixou pegada na vila polo papel que en vida tivo tanto na vertente creativa como dinamizadora.

Os temas e as técnicas foron diversos, mais destacou, nesta edición, a fotografía de paisaxe e tamén de paisanaxes. Nas pezas presentadas para o premio especial Carballo podemos atopar instantáneas dalgún dos lugares con máis atractivo do concello, dende a nosa costa, o bosque do Añón ou o parque do Anllóns até o Pazo de Vilardefrancos, que conviven con outros skylines como o do propio Manhattan. Rostros curtidos polas historias de vida habitan tamén varias das fotografías, onde batemos co vello afiador da feira de Carballo como con faces delatoras doutras culturas e mesmo doutros tempos.

Son en total 68 as obras expostas, que  poderán verse en horario de 18.00 a 21.00 horas até o 31 de maio. Podes consultar as obras que obtiveron premio e accésit e mais imaxes do acto de entrega de premios e apertura da exposición nesta ligazón ao facebook de Turismo Carballo.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica