Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Danzando a primavera en Carballo

Compartir:

Danzando a primavera en Carballo

O ciclo Primavera en Danza continuará nesta recta final do mes con espectáculos das galegas Pisando Ovos e Fume e da catalá Roser Lopez Espinosa.

"Lowland"

Non sabes se botar raíces ou voar? Deveces pola volta das flores? Coidas que a vida é para danzala, mentres se escapa como fume? Son interrogantes non para responder senón para sentir e tamén para crear. Viviralas, sentiralas, embargarante co arrecendo da máis innovadora arte en movemento neste Carballo vestido de abril.

En Carballo, a primavera é danza. Dende hai xa trece anos, a nosa vila é un dos poucos lugares de Galicia cunha programación estable de danza contemporánea. O noso ciclo "Primavera en danza", que se está a desenvolver nesta segunda quincena de abril, é  unha oportunidade única, por escasa, para ver e aprezar sobre os escenarios galegos a calidade desta disciplina artística tan invisíbel como creativa e innovadora. A programación do ciclo "Primavera en danza" serve, ano a ano, de escaparate para as novas creacións e tendencias no mundo da danza contemporánea.

Este ano o ciclo arrincou, na fin de semana do 17 ao 19 de abril,  co hip hop da compañía "As dríadas" que fixo repaso pola evolución deste movemento creativo, e mais coa proposta familiar de Entremáns. A programación completarase ao longo deste mes coas galegas "Pisando Ovos" e "Fume", e coa catalá Roser López Espinosa.

"Que volvan as flores" é o espectáculo preparado para o venres 24 por Rut Balvís (máis de dez anos indagando en linguaxes propias coa compañía Pisando Ovos). Unha obra que se reconstrúe cada vez que se representa, baseada no cambio e a variación, ao que lle dan volume as 25 cadeiras que serven de marco para as imaxes que se van creando.

Danza e cinema

"Que volvas as flores"

Danza e cinema, dúas magníficas expresións da arte en movemento, son os piares do espectáculo vangardista que o colectivo Fume ten programado para o sábado 25. Unha obra que xoga coas sombras e baila ao compás das imaxes da curtametraxe "E as chemineas decidiron escapar" dopremiado realizador galego Oliver Laxe, referente do coñecido como novo cinema galego.

Botar raíces ou despregar as ás. Poida que non poidas escapar do dilema ao ver o espectáculo Lowland da catalá Roser López Espinosa. Unha coreógrafa prometedora que xa ten participado en festivais internacionais en países como Holanda, Alemaña, Italia, Canadá ou Xapón. Os espectáculos terán lugar no Pazo da Cultura, a 3 euros (2 en caso de entradas con prezo reducido) no caso de Pisando Ovos e Fume, e 4 (3 a prezo reducido) para a obra de Roser López.

Mais se queres ver un adianto, e de balde, tamén poderás facelo, estando no lugar adecuado e á hora indicada. O venres 24  e o xoves 30 de abril, á unha da tarde, no xardín municipal, saborearemos un petisco das obras que, pola noite, se porán en escea no Pazo. Ao remate do espectáculo, haberá ademais un encontro entre espectadores /as, coreógrafos/as e directtres/as para sabermos máis dos segredos do seu proceso creativo.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica