E os irmáns Lumieira chegaron a Carballo
O Carballo Interplay premia á británica Future Duck como mellor webserie internacional e ás galegas Fame e Clases de lo social.
Foto de familia con premiad@s e organización
"Os Lumière terían vido ao Carballo Interplay". Así pechaba o pasado ano a súa conferencia no festival de contidos dixitais Roger Casas Alatrista, fundador da produtora transmedia El Cañonazo. E non foron os Lumière, mais si unha peculiar versión galega, os irmáns Lumeira, interpretados por Carlos Meixide e Suso Alonso, os que presentaron este ano a segunda edición da gala de clausura.
Os Lumiere terían estado no Carballo Interplay e non en Donosti porque aquí buliga o futuro do audiovisual, aquel que se move na rede e que hoxe en día é o seu auténtico I+D. As webseries, destacaba Silvia Fuentes, produtora de Fame, ao subir o escenario para recoller o premio na categoría versión orixinal en lingua galega, son unha caste de laboratorio. E en todo laboratorio, engadía, hai dúas figuras claves:o científico tolo e a experimentación.
Carballo foi este sábado anfitrión da festa que acolleu ao audiovisual máis innovador. Aquel que non gaña cartos porque se move ás marxes do conservadurismo das televisións convencionais. Aquel que vive da emoción,o espíritu gamberro e o afán por contar aquelas historias que, doutro modo nunca se contarían, tal e como subliñou no acto a directora do Carballo Interplay, Sonia Méndez.
O palmarés
Coa entrega de premios quedaba clausurada a segunda edición do Festival Internacional de Contidos Dixitais que se celebrou esta semana na capital bergantiñá. Foron sete as webseries que se fixeron co palmarés, entre un total de 43 seleccionadas entre as preto de 150 que se presentaron ao concurso. No podio gañador, as galegas Clases de lo social e Fame, que recibiron respectivamente o premio do público e o gardardón á mellor webserie con versión orixinal en lingua galega.
O que o pasado ano se estreou como o primeiro certame de webseries do Estado sorprendeu nesta edición polo seu acento internacional. O festival, que neste 2015 decidiu medrar abrindo a competición a webseries estranxeiras, abriu a entrega de premios con sotaque británico, o dos creadores de Future Duck, premiada como mellor webserie, e continuouno co impostado acento ruso do catalán Oriol Vila, que recibiu o premio a mellor intérprete masculino. Vila, que foi nominado hai uns anos a mellor actor revelación nos Goya, dirixiuse ao público no trasunto do mozo ruso afincado en Barcelona que interpreta na webserie Nico and Sunset.
Carla Pueyo recibira uns minutiños antes o da mellor actriz pola súa interpretación en La caída de Apolo. Completaron a estela de premiadas as webseries Comaland, na categoría animación, e Fracasados por el mundo, na categoría imaxe real; Vincent Finch, polo seu guión. E mención especial recibiron La Caída de Apolo en imaxe real e Pinkoo en animación.
Ruptura xeracional
Pechábanse así tres días intensos, tres completas xornadas de visualizacións, coloquios, conferencias, master class e concertos. O obxectivo, ver e gozar vendo, mais tamén pararse e intentar sentar reflexión sobre a marcha acelerada e vertixinosa do audiovisual cara a novos futuros. Impactou, en especial, a intervención de Joan Carles Martorell ao redor da xeración d@s youtubers. Son creadores e creadoras polo xeral moi noviños, na vintena ou menos, criticados polas xeracións que os anteceden que cualifican de faltos de calidade produtos que non comprenden, mais que arrasan cos seus vídeos na rede. Tal como sinalou Martorell citando a Bruce Schneider, "a web 2.0 creou a maior división xeracional desde o rock and roll".
A edición deste ano proporcionou estratexias e ferramentas, como a creación de complexos universos transmedia para promocionar os produtos audiovisuais; de segredos de profesión, como as claves para o humor na rede, e de olladas críticas como a que, en tono distendido e ameno, forneceu a xornalista Belén Regueira ao redor dos estereotipos machistas na súa intervención titulada "Mulleres, homes e o audiovisual que os pariu". Mais, sobre todo, deixou tras de si unha estela de enerxía: a dunha nova xeración, arriscada e valente, que un día non moi lonxano marcará o presente do noso audiovisual.