Unha receita centenaria do pan de ovo carballés
Pídennos a receita do pan de ovo. Aquí vola deixamos. Achegóunola unha carballesa de 72 anos que a herdou da súa familia
A rosca antes de entrar ao forno
Ingredientes
18 ovos
750 gramos de mantequilla
150 gramos de levadura
750 gramos de azucre
3 kilos de fariña forte
1 limón
1 vaso de anís
1 pouco de fermento
1 sobre de Royal
Antes de nada, unha advertencia. Dorinda, a muller que nos dá a receita, deixanolo claro. Ao principio, é moi probable que non vos saia. Fai falta moita práctica, moito método ensaio-erro, e sobre todo ver a quen a sabe facer para aprender o proceso de amasado. A falta de vídeo, intentamos que nolo explicara co maior detalle posible.
Amoreas a fariña enriba da mesa e no medio fas un burato. Outra advertencia máis, bota só a fariña que se che indica nos ingredientes, non máis. Dentro dese burado, metes o resto dos ingredientes. Vas apretando de fóra cara a dentro unha e outra vez até conseguir unha masa gorda que se che pega ás mans.
Cúbrea de fariña para volvela a amasar. Desta vez, deberás traballar a masa como quen lava unha peza de roupa no lavadoiro, coas palmas, nunca cos dedos, e sen apretar demasiado, con delicadeza. Colles unha cesta cuberta cun pano no seu interior e botas alí a masa. Tápala, e iso é moi importante,porque a masa non debe coller correntes nin frío. Déixala descansar un día e unha noite. Nese tempo, verás a masa medrar.
Ao día seguinte, volves a amasar. Déixala descansar de novo un día e unha noite, tapadiña. Volvela ver medrar Pasado ese tempo, xa podes facer as roscas. Unha vez feitas, debes deixalas descansar outras doce horas. E por terceira vez, verás como a masa medra. Agora xa está preparada para botar ao forno, que ha de estar a 180 graos de temperatura. Deberá cocer media hora e, pasado ese tempo, xa a terás preparada para comer.