Carballo a un paso

Inicio // Artigos // A ruta das praias

Compartir:

A ruta das praias

De Razo até Caion, tres horas de camiño a pé e á beira do Atlántico para coñecer o litoral carballés.

¿Probastes a percorrer andando o noso litoral? Dende Razo até Baldaio e a Pedra do Sal, e dende alí, todo á beira do mar até Caión, pasando a carón de pequenos areais  como Arnela e Leira, furnas cativiñas metidas entre rochedos e milenarias praias do cuaternario. Precisarás unhas tres horas a ritmo pausado. O esforzo merecerá a pena. Nada hai máis enerxético que andar á salseira, como @s vell@s lle chaman a isto de coller os aires do mar.

O percorrido de Razo a Baldaio transcorre sobre o que é un dos areais máis grandes de Galicia. Unha vez atraveses Razo, a máis concorrida das nosas praias e un referente no mundo surfeiro, camiñarás ao longo dun amplo cordón dunar até chegar á lagoa de Baldaio. O traxecto é moi popular entre as xente da zona que, no verán, acostuman andalo e desandalo nos días de praia.

Baldaio: o atractivo do natural

Baldaio é lagoa e marisma, espazo natural, lugar de interese comunitario e zona de especial protección para as aves. Merece a pena pararse a observar a beleza da entrada do mar na terra, adentrarse até a lagoa e pasear pola marisma, lugar que destaca polo seu silencio, só roto polo chío dos paxariños.

A seguinte parada é A Pedra do Sal, areal que atoparás preto da lagoa de Baldaio e un bo sitio tamén, para facer un descanso, tomar un café ou comer nalgún dos estabelecementos hosteleiros da zona.

As furnas descoñecidas do Atlántico

Toca proseguir camiño e faralo adentrándote por un estreito carreiro que vai pegado ao mar. É quizais unha das paraxes máis sorprendentes, mesmo para as xentes do concello. É a parte do noso litoral máis descoñecida e tamén, quizais, a estampa máis próxima a aquela que adoita identificar a Costa da Morte: furnas, coídos, o mar bravo a bater nas rochas...

Ao pasar a praia de Arnela, que identificarás polas tres entradas do mar que atoparás á par, separadas por unha estreita liña de rochedos, o carreiro anchéase e convértese en pista. Seguea e chegarás até Caión, vila mariñeira metida no Atlántico a modo de pequena península, antigo porto baleeiro e con pasado señorial.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica