Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Descobre a Ruta dos Muíños de Pan

Compartir:

Descobre a Ruta dos Muíños de Pan

Oito quilómetros a beira do Anllóns, dende o Muíño da Cheda até o do Quinto, conforman a novo itinerario sendeirista do Concello.

A Ruta dos Muíños do Pan é un sendeiro de 8,5 quilómetros que une os únicos muíños que se conservan na canle do Anllóns ao seu paso polo municipio. O Concello acondicionou  unha parte do percorrido que ata agora era intransitable, co obxectivo de ofrecer unha alternativa máis de ocio saudable que se suma á xa consolidada Ruta das Férvedas (PR-G 142) ou ao Paseo do Anllóns, co que a Ruta dos Muíños do Pan comparte unha parte do percorrido. O proxecto da Ruta dos Muíños do Pan xurde da vinculación histórica entre a auga e o pan. A ruta comeza no Muíño da Cheda, unha construción centenaria que deixou de utilizarse non hai moitos anos, pero que se conserva practicamente intacta nun entorno de enorme beleza.

Camiños de pescadores

Neste punto, ao que se accede dende a AC552 xusto no límite entre os municipios da Laracha e Carballo, arrinca un percorrido moi utilizado polos pescadores; de feito, o Concello de Carballo limpou a marxe esquerda do río seguindo ese sendeiro, que agora está transitable a pé o treito que abrangue dende A Cheda ata a Ponte de Bértoa. Neste novo tramo, probablemente descoñecido por moitos carballeses e carballesas debido ás dificultades de tránsito que ofrecía ata agora, os camiñantes pasarán por outros puntos de interese como o antigo Muíño do Moreno, sede actual da Protectora dos Amigos dos Cans; o refuxio de Bértoa, que pertence á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, e a Ponte Ferreira.

Do Bosque até o Muíño do Quinto

A partir da Ponte de Bértoa a ruta discorre polo Bosque do Añón e os parques urbanos do San Martiño e o Anllóns ata enlazar co paseo que conduce ata o Muíño do Quinto, o único que segue en funcionamento no municipio, aínda que hoxe está totalmente automatizado, e que abastece de fariña do país á práctica totalidade dos panadeiros de Carballo e da zona. A produción actual sitúase nos 2.500 quilos de fariña ao día.

Tanto no Muíño da Cheda coma no do Quinto, uns sinais de dirección orientan ás e aos camiñantes cara a eles e uns paneis informativos indican a distancia e o tempo de duración aproximado da ruta, que ronda as dúas horas, os pasos que fai falla dar para percorrela e as calorías que se queiman, tomando como base unha persoa de estatura e peso determinados e en boas condicións físicas, reforzando así o carácter saudable da ruta.

As persoas interesadas teñen á súa disposición folletos informativos destas rutas na oficina de turismo do Museo de Bergantiños e nos edificios municipais. Quen queira un avance, pode mergullarse de cheo na ruta no fermoso vídeo que adxuntamos a esta información.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica