Carballo a ritmo de rock
É unha das citas clásicas coas nosa creatividade musical local. O Rockarballo trae este ano oito bandas da zona. Ás 21.00h, de balde, no Pazo da Cultura.
Nesta segunda década do século, Carballo está a vivir un rexurdir musical. A bandas que teñen a súa orixe en músic@s curtidos nos 80, únense grupos de nova formación, de xente moi nova, que traen novas enerxías á creatividade local. O Rockarballo adoita ofrecernos unha boa panorámica. Esta cita anual cos grupos da zona terá lugar este venres, 27 de marzo, ás 9 da noite. No Pazo da Cultura e de balde, con ela o concello pechará a programación dos Venres Culturais.
Serán en total oito grupos, dende aqueles conformados pol@s máis veteranos do panorama musical carballés, como The Cerne ou Versión Imposible, que teñen as súas raíces en grupos de antano como Tramites, Distrito 15100 ou Enkfermos, até formacións impulsadas polas novas xeracións, como Strobos e Aula 11.
Entre todas elas, darannos a probar unha completa degustación na que atoparemos dende o rock suave de Sonseis+,o soul rock e o rythm and blues de Dude e o pop rock dos 80 e os 90 de Versión Imposible até o death metal e o death core de Amenaza de Muerte, o pop e garage de Aula 11, suavizado e con "menos zapatilla" para adaptalo ao auditorio do Pazo, ou a Lowcos, co seu rock con tinguiduras psicodélicas e letras con contido, e contido crítico, como a canción en galego ao redor do proxecto mineiro de Corcoesto.