Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Unha edición máis do único premio en Galicia a...

Compartir:

Unha edición máis do único premio en Galicia a artigos xornalísticos normalizadores

O artigo gañador será premiado con 1.000 euros

Até o 15 de abril tes para enviar o teu texto ao Premio de Artigos Xornalísticos Normalizadores do Concello de Carballo. O certame, único en Galicia sobre a temática, pretende incentivar e difundir a reflexión sobre a lingua. Os artigos gañadores serán publicados en varios medios impresos e dixitais do país, dende os xornais La Voz de Galicia, La Opinión de A Coruña, El Correo Gallego e Diario de Bergantiños até os diarios dixitais en galego Galicia Confidencial, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos.

O premio chega este ano á súa undécima edición. Forman xa parte do podio de persoas galardoadas nomes relevantes da nosa cultura, como o ex presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, a poeta Marica Campo, aensaísta e profesora Pilar García Negro ou o escritor Sechu Sende. Mais tamén persoas que, despois de recibilo, se nos fixeron máis e máis coñecidas, como o xornalista Kiko Novoa, ou Marcos Abalde, merecedor de varios premios de teatro e de poesía. O pasado ano, quedou na zona, pois foi para o xornalista cercedense José Casás García.

A pretensión do premio, abrir espazos de debate nos medios de comunicación ao redor da lingua, vai máis aló de si mesmo. A súa repercusión é tal que todos os anos, días ou semanas despois do fallo, artigos non premiados saen tamén á luz en diversos diarios.

Os textos presentados adoitan dar conta das cuestións de actualidade ao redor da situación sociolingüística do galego: dende a ollada crítica ao papel xogado polas administracións até a normalización do seu uso en pé de igualdade co castelán nos máis diversos ámbitos e a procura dun ecosistema lingüístico rico e diverso.

Podes consultar as bases do premio no arquivo que adxuntamos.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica