Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Conta atrás para o entroido

Compartir:

Conta atrás para o entroido

O desfile do entroido carballés congrega, ano a ano, centos de persoas á procura de esceas inéditas

Xa case está aí o entroido e chega o momento de sacar do armario disfraces e carautas, ou de aproveitar para ensinar a nosa verdadeira cara, que este é tempo de desinhibición. O ano pasado, o desfile de entroido agasallounos con imaxes inéditas, como as rúas carballesas tomadas polos exércitos de Star Wars, elegantes máscaras venecianas que semellaban acabadas de chegar da Italia, desacougantes pitonisas a facer profecías coa súa bola-"arielita" de Cristal, ou centolos de dimensións nunca antes vistas que por un día cambiaron o ambiente mariño polo asfalto.  

Se precisades un incentivo para sacar o cu do sofá, quizais o monetario vos poida axudar. Uns 6.700 euros se destinarán este ano en premios e gratificacións. As 20 primeiras carrozas e comparsas que se inscriban recibirán de 150 a 200 euros. E reservaranse máis de 2.500 euros para os 17 premios previstos para o conxunto das modalidades (individual, grupos, comparsas e carrozas), así como o premio especial ao Choqueiro de Bergatiños, que pode ser escollido de entre calquera das categorías. O concurso de disfraces será o domingo, 15 de febreiro, ás seis da tarde. O desfile transcorrerá polas rúas próximas á Praza do Concello, que será o seu destino final.

A inscrición poderá realizarse nas oficinas de Cultura do Pazo da Cultura, no caso de comparsas e carrozas, ata o 13 de febreiro e no do resto das categorías ata 1 hora antes do mesmo día do desfile (nese caso na Praza do Concello).

O enterro da Sardiña

Tamén está aberto xa o prazo de inscrición para o enterro da Sardiña, aínda que en Carballo isto é máis ben un dicir, pois a defunta rematará nas augas do Anllóns. Será o martes, 17 de febrero, a partir das nove da noite e poderán participar grupos de nenos e nenas e/ou adultos compostos por un mínimo de cinco persoas, sempre que estean ataviados coas roupas e obxectos propios dunha comitiva fúnebre.  

Co obxecto de velar pola seguridade de participantes e espectadores, o Concello quere facer fincapé na importancia de respectar as medidas de seguridade, en especial, na construcción de carrozas.  

As inscricións, neste caso, estarán abertas até o 13 de febreiro na Concellaría de Cultura de 10.00h a 14.00h e o martes 17 de febrero (día do Enterro da Sardiña) antes do inicio da actividade de 19.30h a 20.30h na Casa do Concello.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica