Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Contando os días con arte made in Carballo

Compartir:

Contando os días con arte made in Carballo

O almanaque deste ano de Carballo está dedicado ao proxecto de arte urbana Derrubando Muros con Pintura

O mural inaugural

O mural inaugural, de Roberta Venanzi e Paula Fraile

Xa podes contar os días, os meses e o ano enteiro con toda a maxia da arte carballesa. O calendario deste ano do Concello de Carballo está dedicado á iniciativa de arte urbana "Derrubando muros con pintura". Os calendarios xa se poden conseguir, de balde, no Museo de Bergantiños no seu horario habitual ou no Concello de Carballo.  

O proxecto, que estreou en marzo de 2013 o seu mural inaugural, unha creación das coordinadoras do Derrubando, a italiana Roberta Venanzi e a manchega Paula Fraile, converteu en murais artísticos case vinte muros da vila ao longo do ano.

O proxecto está a converterse nun referente xa para outras vilas que están a barallar iniciativas similares e é un exemplo no emprego da arte como terapia urbana e como motor de promoción turística, pois o roteiro polos murais do Derrubando Muros con Pintura, no que participaron tanto artistas locais, como outras chegadas de Xapón ou da India, é xa un dos atractivos da capital bergantiñá.

Fotografías artísticas

O calendario pode recollerse, de forma gratuíta, no Museo de Bergantiños, no seu horario habitual, ou no Concello de Carballo

O calendario bota man de fotografías artísticas, tanto de detalle como de planos xerais. Comeza co mural inaugural, na esquina da rotonda da Rúa do Sol con Vila de Negreira. Segue co universo naïf de Mon Lendorio. Continúa co mural de inspiración lugrisiana de Santi Picos. A febreiro danlle cor as liñas simétricas que tan ben utiliza Emi de las Heras para debuxar o inestábel mundo das acrobacias circences. Marzo explosiona co universo vital de Alejandra Martínez, positiva metáfora do transcorrer da vida, no pavillón Vila de Noia, e coa penetrante mirada do rostro feminino que, grazas  a Antonio Taracido, cobre en tons exclusivamente azuis un dos laterais da antiga escola Leus.

Tinguir de cor o ano

O mundo submariño de Mou

O mundo submariño de Mou

A psicodelia do detallista e laborioso mural de Paula Fraile no Parque do Rego da Balsa acompañarannos en abril, ao igual que o amoroso oso de Laura Torrado na rúa Vázquez de Parga. Maio, mes das letras, ten como protagonista único o grandioso mural, en amplitude e en contido, elaborado polo artista urbano Sokram para o lateral do Pazo da Cultura. Xuño, mes especial para a vila bergantiñá polas festas do San Xoán, estará representado polo mural da artista india Samia Singh, elaborado a partir dos recordos felices das xentes de Carballo.

E así, até chegar ao final do ano, cada mes estará tinguido cunha pincelada de arte. Lidia Cambón, a xaponesa Elin Kawa,o guitarrista de Eva Facal na rúa do Sol, o universo infantil de Cristina Castro, o mundo submarino de Mou, a carrapuchiña feroz de Carlos Fernández e Susana Llorente, que ilumina a noite cos seus tons vermellos, e o equilibrio con reminiscencias do mundo clásico do que a italiana Roberta Venanzi acompañarannos no resto do ano. Podedes atopar unha guía con info de todos os murais do Derrubando Muros nesta mesma web, nesta ligazón.


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica