Vento en popa cara un novo Carballo Interplay
O Carballo Interpley celebrarase do 16 ao 18 de abril e estreará unha sección de webseries internacionais
O Carballo Interplay, o primeiro festival de webseries do Estado que este ano se celebrará entre o 16 e o 18 de marzo, ten xa os motores a ferver na preparación da súa segunda edición. Dende o luns, 22 de decembro, xa se poden inscribir webseries a concurso, cunha novidade non menor. Este ano poderán participar webseries producidas no estranxeiro, que competirán nunha categoría aparte, o Best International Webseries Award, dotado con 800 euros. E non será a única novidade dun certame que celebrará os dous anos medrando para converterse en festival de contidos dixitais. Aínda que na sección a concurso só poderán participar webseries, o resto do festival, as actividades didácticas, de reflexión, debate e formación, irán moito máis aló.
"Xa o ano pasado, xente de fóra nos escribía para participar", explica Sonia Méndez, a directora do Carballo Interplay. Tan só un día despois de abrir o prazo de inscrición, xa contaban cunha webserie americana e con outra italiana. Outro dos obxectivos do Carballo Interplay para este ano será, precisamente, reforzar o contacto con outros festivais similares alén as nosas fronteiras, ao longo do mundo.
O CIP como laboratorio
O Carballo Interplay refórzase nunha dobre vocación. Por unha banda, espazo de exhibición, que este ano combinará os produtos de creadoras e creadores galegos e doutras partes do estado, con webseries internacionais. Por outro lado, o contacto entre as e os profesionais do sector. E nesta segunda dimensión, xa comezou a dar os seus froitos. Dos contactos e sinerxias creados na edición de 2013, da enerxía da xente que entón se coñeceu, naceron xa proxectos en común como a webserie "El método sueco", que estrea o seu capítulo piloto este 28 de decembro.
Outra das grandes novidades do Carballo Interplay este ano é o seu programa formativo. Do xerme inicial, o curso de webseries celebrado o pasado ano en Carballo no mes de marzo, nas semanas previas ao festival, medraron até desenvolver este ano un programa formativo de varios meses, o FormaCip, nos que participan, como docentes, recoñecid@s profesionais do audiovisual galego.