Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

A finde estará protagonizada, nesta ocasión, polas compras e mais polos festivais de nadal. Haberá, ademais, un interesante obradoiro de xoguetes tradicionais.

Árbore de Nadal na Praza do Concello

Árbore de Nadal na Praza do Concello

De compras en tren

Non é a nosa unha desas fermosas cidades decimonónicas centroeuropeas nas que o tranvía emerxe entre a néboa. Mais este sábado e o seguinte si teremos tren. O Centro Comercial Aberto convida a percorrer nun tren “turístico” as rúas da vila para facilitar o desprazamento até os comercios locais.  Partirá da Praza do Concello ás cinco, seis, sete e oito da tarde, e fará paradas nas ruas Vázquez de Parga, Luís Calvo, Milagrosa e Avda. de Bergantiños. O billete de acceso ao tren facilítano os estabelecementos asociados ao Centro Comercial Aberto coas compras. E, se non o tes, tamén poderás viaxar nel previo pago dun euro.  

Mercado de Nadal

Artesanía, produtos delicatessen e diversas opcións de agasallo, dende roupa até complementos, ofreceranos o Mercado de Nadal que esta finde estará aberto no Fórum. Conta cun total de 38 postos e negocios procedentes dos mais diversos lugares, pois é requisito da Xunta que, neste tipo de mercados participen só comerciantes ambulantes. Poderás encontrarte, entre outras moitas cousas, dende obradoiros de prata ou macramé traballendo en directo até pel de Ubrique, artesanía da India, coiro de León, licores galegos ou bocados exquisitos como os embutidos zamoranos, a cecina de touro de Lidia ou xamón de Guijuelo,produto salmantino con denominación de orixe.

De festival en festival

Esta será en Carballo finde festivaleira.Varias asociación celebran nestas datas pre-festas os seus festivais de Nadal. Entre elas está Aspaber, a asociación bergantiñá que congrega ás nais e aos pais de persoas con discapacidade psíquica. Celebrará o seu certame no Pazo da Cultura, o sábado ás doce. Pola tarde, ás cinco, a Asociación Cultural Chimiringuai organizará, no local social de San Cristovo o seu festival de nadal. E, na Igrexa de San Xoán,ás oito da tarde tamén do sábado, terá lugar o Pregón de Nadal, con recital de panxoliñas e convivencia de nadal. O domingo, ás seis da tarde, serán os maiores quen celebren, ás seis da tarde, no Pazo da Cultura, e co dúo liberdade.

Obradoiro de xoguetes tradicionais

 A asociación ambiental Senda Nova bota a andar a programación do seu inverno ancestral cun obradoiro de xoguetes tradicionais, ao que todo o mundo está convidado, tanto para ensinar como para aprender. Será a partir das catro da tarde, nunha carpa montada na rúa Colombia, e teremos a posibilidade de aprender como as e os nosos maiores, en época de escaseza, eran quen de botar man da imaxinación para fabricar os seus propios xoguetes, como as bonecas creadas a partir dunha espiga de millo.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica