Rebordelos
Praia en Rebordelos
Extensión: 3,76 km²
Poboación: 223 habitantes
A parroquia de Rebordelos está encaramada na costa do extremo oriental do municipio, aló onde podemos dicir que comeza a Costa da Morte. Encaixado entre Lema e Caión, no seu litoral distínguense dúas zonas claramente diferenciadas. Por unha banda, o xuncal do espazo natural que rodea a lagoa de Baldaio. Pola outra, unha sucesión de pequenas praias e de calas que desaparecen coa marea alta, entre as rochas e os cantís.
Recomendámosche especialmente que descubras este tramo de costa situado entre A Pedra do Sal e Caión percorréndoo pasiño a pasiño, en bici ou a cabalo, gozando de vagar destas paraxes case virxes. Nelas poderás avistar as praias da Lapeira, Arnela, Leira, Porto Loureiro e Pedra Furada.
Praia en Rebordelos
Do abrupto desta franxa costeira dan conta os naufraxios que tiveron lugar nesta zona, como o do Solway, en 1843, ao que fai referencia o escritor Jules Verne en Vintemil leguas de viaxe submariña, ou o do mercante vasco María Victoria, que en 1929 colidiu nos baixos de Baldaio.
Na Segunda Guerra Mundial, un avión alemán caeu ao mar e o corpo do seu piloto foi enterrado no cemiterio de Rebordelos. Aínda agora podes preguntar alí pola "cruz do alemán".