Carballo a un paso

Inicio // Artigos // O proxecto "Derrubando muros con pintura"...

Compartir:

O proxecto "Derrubando muros con pintura" convértese en documental

A peza audiovisual, de Mamá Lola Studios, preséntase esta fin de semana no Culturgal, a feira das industrias culturais galegas.

Hai un ano que a italiana Roberta Venanzi e a manchega Paula Fraile comezaban a vestir de cores as paredes de vila coa súa arte urbana. Comezaba así o Derrubando Muros con Pintura, unha iniciativa promovida pola Concellaría de Promoción Económica que, hoxe en día, reúne xa unha vintena de murais de artistas locais e estranxeir@s. A produtora carballesa Mamá Lola Studios fixo seguimento deste proceso de transformación do noso núcleo urbano ao longo destes doce meses nun documental de 25 minutos que queren presentar a varios festivais. Reflexionar sobre a diferenza entre o "Carballo que é e o que pode ser" é o obxectivo da peza, segundo sinala Fran Rodríguez, un dos responsables de Mamá Lola Studios.  

Un ano de creación urbana

Lidia Cambón, pintando na Escola de Arrabales

Lidia Cambón, pintando na Escola de Arrabales


Neste outono de 2013, a chegada de dúas artistas forasteiras á capital bergantiñá creou expectativa. Máis aínda cando, uniformadas coa funda de traballo, comezaron a pintar no desgastado lateral dunha casa da rúa do Sol que facía de fondo á rotonda onde se ergue a escultura do Artiluxio. A escolla non foi casual. Querían comezar polas aforas da vila, para que non resultara tan agresivo, e dende alí ir gañando terreo ate chegar ao propio centro do núcleo urbano. E fixérono nunha das principais entradas da vila, a que saúda ás e aos viandantes que chegan dende Compostela, Ordes e A Costa da Morte.

A un outono chuvioso seguíu un inverno cicloxénico. Aquel mural foi avanzando pouco a pouco, contra as inclemencias meteorolóxicas, até que a primavera chegou e non só aquela primeira obra rematou senón que a ela lle seguiron moitos outros murais que comezaron a aflorar noutras paredes e medianeiras. Tivemos a oportunidade de descubrir a creatividade das e dos nosos artistas locais e, ademais, a vila fixo de anfitrioa de creadoras chegadas de latitudes tan afastadas como Xapón ou a India.

As voces d@s artistas

"Un documental feito con todo o mimo no que que quedan conxeladas as pinceladas a crear sobre os lenzos de ladrillo"

Este proceso foi plasmado pola produtora carballesa Mamá Lola Studios nun documental feito con todo o mimo no que quedan conxeladas as pinceladas a crear sobre os lenzos de ladrillo e o día a día desta iniciativa de transformación urbana. Fano cun estilo directo, donde os testemuños das e dos artistas fan innecesaria a voz en off. As imaxes en branco e negro e a cor combínanse para darlle forza á mudanza que está a supor este proxecto que se vale da forza terapeútica da arte para curar males como o feísmo urbanístico que afectou a tantas vilas galegas froito mal urbanismo practicado a partir dos anos 60.  

O documental combina a música de artistas consagrados como Édith Piaf, con pezas de bandas carballesas e unha composición orixinal de Nanny Mouro, da produtora Mamá Lola. Trala presentación da peza, o 26 de novembro no Fórum, o obxectivo da produtora é levala por diversos festivais co fin de dar a coñecer o "Derrubando muros con pintura" alén a nosa vila e mesmo alén Galicia. A próxima cita, no Culturgal, a feira das industrias culturais galegas que se celebra en Pontevedra esta fin de semana.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica