Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Axenda da finde

Compartir:

Axenda da finde

Será unha finde completa: actuacións de Fernando Viciconte, Not Only Shills, Silvia Penide e concerto de corais. Ademais, obradoiros na Biblioteca do Rego da Balsa e roteiros sendeiristas.

VENRES

Masterclass: O surf e a súa implicación meteorolóxica. Biblioteca Rego da Balsa. 19.00h. Durante hora e media, responsables da escola de surf Artsurfcamp explicarán os diferentes tipos de ondas e a súa relación coas predicións meteorolóxicas. Para maiores de 14 anos. De balde. Inscrición previa.    

Concerto de Fernando Viciconte. Pazo da Cultura. 21.00 h. Fernando Viciconte chega a Carballo dende Copenhague no periplo de presentación do seu último traballo “The radio on”. Nacido en Arxentina, de orixes galegas pero afincado nos Estados Unidos, Viciconte conta con ampla traxectoria no eido do rock, o country e o indie rock. No seu último traballo contou co apoio e participación de músicos da altura de Peter Buck ou Scott McCaughey, do grupo REM.

Concerto de Silvia Penide. Sala A Reserva. 23.00h. Din na Sala A Reserva que este é un concertos deses que non se deben perder. A coruñesa Silvia Penide ten xa cinco traballos ao lombo, cunha traxectoria encadrada no pop acústico. En Carballo presentará a reedición de “Animal de compañía”, o seu último CD.

Concerto de Not Only Shills. Sala Dublín. 00.00h. A Sala Dublín comeza a tempada cunha aposta firme polas novas promesas da escena musical galega. O venres pasado comezou o ciclo Sinerxias con Chicharrón, unha das bandas carballesas de maior proxección, herdeira da exitosa Franc3s. Este venres tócalle a unha banda pontecesa novel, Not Only Shills, que está intenta recadar fondos para a grabación do seu primeiro traballo en estudo. Prezo: 2 euros.

SÁBADO

Actividade “Perros y letras”. Biblioteca Rego da Balsa. 11.00h. Trátase, sen dúbida, dun obradoiro singular, dirixido a nenas e nenos de 6 a 12 anos, que ten como fin mellorar a lectura léndolle a un can. O conto é que os cans, aínda que obviamente non saben ler, si saben escoitar, e crean un ambiente confortable e acolledor para mellorar a confianza á hora de descifrar a escrita.

Concerto de Santa Cecilia. Pazo da Cultura. 21.00 h. En homenaxe a Santa Cecilia, a patroa da música, celebrarase este tradicional concertó que terá como anfitrioa á Coral Polifónica de Bergantiños, e no que tamén están convidadas a participar a Coral Polifónica de Agarimo de Sillobre e o coro de Sillobre. As entradas serán de balde, até completar aforo.

Sendeirismo. Ruta das férvedas: A Asociación Ambiental Senda Nova prosegue cos roteiros do “Outono en marcha” polo comarca. O domingo adentrarase na Ruta das Férvedas, ruta oficialmente recoñecida que parte do lugar da Brea, en Carballo, achegarase até a férveda de Ramil, en Rus, e  finaliza xunto á fervenza de Entrecruces. Decorrerá camiños que nos descobren os segredos da Depresión Meridiana, unha sucesión de fallas que cruza Galicia dende a Praia de Razo até Tui e constitúe un dos accidentes xeolóxicos máis importantes do país.  

Sendeirismo. Camiño dos Faros. O Camiño dos Faros, que percorre a Costa da Morte dende Malpica até Fisterra en oito etapas, está chegando á súa fin. Na súa penúltima edición, este domingo, irán dende Muxía até Nemiña. A quedada será ás 8.00 no bar Saburil de Nemiña. Dende aí un bus trasladará ás e aos caminantes até o punto de partida.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica