Carballo a un paso

Inicio // Artigos // As praias carballesas, máis que de bandeira

Compartir:

As praias carballesas, máis que de bandeira

Razo, Baldaio-As Saíñas e A Pedra do Sal veñen de obter os prestixiosos certificados de calidade EMAS e ISO 14001

É habitual que a bandeira azul ondee no litoral carballés verán tras verán. Mais dende agora, o distintivo da ADEAC, a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor, non será o único que recoñeza a calidade das nosas praias.  Os areais de Razo, Baldaio-As Saíñas e Pedra do Sal veñen de obter dúas certificacións internacionais, máis esixentes no que  á xestión ambiental se refire: o ISO 14.001:2004 e o Esquema Europeo de Ecoxestión e Ecoauditoría (EMAS), este último o de maior prestixio dos que están implantados en Europa.  

Carballo é así o único concello da Costa da Morte que conta con estes certificados de calidade para as súas praias e, ademais, un dos poucos en Galicia. Este pasado verán, só19 praias galega contan coa certificación ISO 14.001 de xestión ambiental e aínda menos, en total, 14, obtiveran o EMAS, segundo datos de AENOR, que non é a única entidade certificadora no eido pero quizabes a máis prestixiosa e das de maior presenza. No litoral cantábrico, contan con estas certificacións areais tan coñecidos como o da Concha.

Estes certificados implican un compromiso coa prevención  da contaminación, coa mellora continua do areal, coa xestión de residuos e, ademais, permiten que os usuarios e usuarias poidan presentar reclamacións. Supoñen ir un paso máis aló das bandeiras azuis, que se centran sobre todo no nivel de servizos das praias de cara a quen as usa, mais non tanto no seu desenvolvemento sostible. Tanto o certificado ISO como o EMAS son máis que unha foto fixa da situación da praia nun momento determinado, pois implican un control continuado e a introdución de medidas correctoras. De cara á súa obtención, dende hai un ano funciona no litoral carballés un regulamento cunha serie de condicións que pretenden compatibilizar os dereitos das e dos usuarios coa preservación natural das praias.

"Carballo é o único concello da Costa da Morte que conta con estes certificados de calidade para as súas praias e, ademais, un dos poucos en Galicia"

O proceso para a obtención dos certificados ISO e EMAS comezou en xaneiro deste ano e, segundo explica o responsable de Protección Civil, Javier Souto Facal, supuxo a realización de numerosas auditorías e controis de boas prácticas que inclúen dende análises relativos á limpeza dos areais e das súas augas, ao servizo de socorrismo pasando pola xestión da empresa de recollida de lixo ata o funcionamento das áreas de Medio Ambiente e Praias do Concello.

 Segundo o concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, estes certificados poñen o litoral do municipio "ao mesmo nivel que o de areais moi coñecidos de Euskadi e do Norte de España". Tal é o caso das praias de Guipúzcoa,  que dende hai anos se decantan por este sistema de certificación.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica