Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Coñecendo a costa en bici de montaña

Compartir:

Coñecendo a costa en bici de montaña

Este domingo, unha ruta BTT percorrerá ao longo de 45 quilómetros o litoral carballés e ascenderá até o mesmo Monte Neme.

O roteiro, que sairá ás 9 da mañá da Praza do Concello, quere dar a coñecer a beleza do noso litoral, que percorrrerá dende A Pedra do Sal até a Praia de Razo. Unha vez alí, quen se sinta con ganas poderá ascender até o propio Monte Neme. O itinerario, organizado polo Concello de Carballo e o Club Ciclista Monte Neme, destaca pola súa riqueza paisaxística. Tanto o Monte Neme, como o lugar de Santa Mariña, son privelexiados miradores naturais, ao igual que o é a estrada que une Baldaio con Razo á beira do mar, que sorprende pola paisaxe interior das marismas e o cordón de dunas que une a ambas as dúas praias.

A ruta será de balde e estará aberta a todas aquelas persoas que desexen asistir, preferiblemente a partir dos 14 ou 15 anos, e que conten con experiencia en bici de montaña. Dende o centro da vila, o grupo poñerá rumbo á Pedra do Sal. Farano bordeando a autoestrada até o polígono industrial. Dende alí, cruzarán aos Canedos e baixarán por diante do campo de golf, até chegar á praia da Pedra do Sal.

Collerán, logo, a estrada litoral que une Baldaio e Razo e, ao chegar alí, quen aínda se encontre con forzas, poderá unirse ao ascenso até o Monte Neme, ao redor duns cinco quilómetros até o cumio. As vistas dende o máis alto dos cumes do concello merecen a pena. Non só poderás abranguer coa mirada boa parte do noso litoral, dende Malpica até alén A Coruña e mesmo Ferrol, en día despexado. Tamén é un excelente miradoiro para coñecer dende o alto o interior do noso concello.

Mirando ao mar

"Tanto o Monte Neme, como o lugar de Santa Mariña, son privelexiados miradores naturais, ao igual que o é a estrada que une Baldaio con Razo á beira do mar"

Se te queres unir, só tes que aparecer na Praza do concello o domingo ás 9 da mañá.

O percorrido por este itinerario, que o concello tramitará para a súa oficialización, é a segunda das accións do programa GAC "Carballo mirando ao mar", que ten como fin sensibilizar á cidadanía ao redor do valor e das posibilidades da nosa costa nun concello, como Carballo que, malia a contar cun fermoso litoral, comprendido na mítica Costa da Morte, tense caracterizado historicamente por mirar máis cara a o interior. Unha ollada que queremos ampliar cara a unha ollada aberta e oceánica.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica