Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Carballo, laboratorio audiovisual

Compartir:

Carballo, laboratorio audiovisual

Nace o Formacip, un ciclo de formación audiovisual que desenvolverá en Carballo 14 obradoiros impartidos pro recoñecidos profesionais.

Festival de contidos dixitais

Carballo estase a destacar como fervedoiro audiovisual. Na primavera deste ano botou a andar na capital bergantiñá o Carballo Interplay, o primeiro festival de webseries de todo o estado. Del nace o FormaCip, un ciclo de formación audiovisual composto por un total de 14 obradoiros que serán impartidos por recoñecid@s profesionais do audiovisual, con destacados nomes do novo cinema galego, e que convertirán a vila, nos vindeiros meses, nun auténtico plató.

Os obradoiros terán lugar dende mediados deste mes de novembro até abril do ano vindeiro, cando se celebrará a segunda edición do Carballo Interplay. Un certame que, por certo, neste 2015 ampliará miras alén as webseries, e pasará a ser festival de contidos dixitais.

Da técnica á creación

O período de inscrición foi aberto xa para os catro primeiros, que se celebrarán ao longo do mes e novembro e decembro.  O primeiro deles, do 17 ao 21 de novembro, abordará o "cinema do eu", un tipo de formato no que as e os profesionais do audiovisual galego están a conseguir notábeis éxitos en festivais internacionais, como foi o caso de Oliver Laxe con Todos vós sodes capitáns, premiado en Cannes. Correrá a cargo de Eloy Domínguez Serén, que presenta neste mes o seu último filme, Jet lag, nos festivais de Sevilla e en Cineuropa. Seguen os obradoiros de operador/a de cámara, do 27 ao 30 de novembro; iniciación á edición profesional con Adobe Premier, do 3 ao 7 de decembro, e introdución ao son profesional, o 13 e o 14 de decembro.

Os obradoiros abordarán diversos ámbitos profesionais do audiovisual, dende aqueles máis técnicos aos máis creativos. Nos primeiros catro meses do ano, o ciclo completarase con obradoiros  de guións para a ficción televisiva, a arte da cinematografía, o xogo cos actores, as curtametraxes de ficción, a realización de videoclips musicais, novos formatos e medios no vídeo experimental e a construción de arquivos audiovisuais.  Este último  promoverá a participación de moz@s e alumn@s dos institutos da vila para a creación dun arquivo audiovisual carballés, a semellanza do proxecto Socheo. Esta iniciativa, na que participou a docente do curso, Beli Martínez, foi levado a cabo na Guarda para recuperar o seu patrimonio audiovisual, e recentemente galardoado polo Ministerio de Educación co premio de Alfabetización dixital.

Recoñecidos profesionais

Na presentación do FormaCip no Concello de Carballo

Ao cargo da formación correrán profesionais como os directores Jorge Coira, Eloy Domínguez Serén , Javi Camino, Xacio Baño ou Xoán Escuredo; os directores de fotografía Víctor Rodríguez, Óscar Martínez Chamorro e Alberto Díaz Betitxi, o técnico de realización, Daniel Viqueira Carballal, os guionistas Fran Carballal e Enrique Lojo, o realizador Manuel Viqueira, a deseñadora Isabel Vila; o director e a directora da produtora Esferobite, Juan Lesta e Belen Montero, o técnico de realización Daniel Viqueira, a produtora Beli Martínez e o cineasta Marcos Nine.

O Carballo Interplay conta co apoio do Concello de Carballo, unha vila que, nos últimos tempos, se está a destacar na aposta pola creación non só como alimento cultural senón tamén como motor económico e de promoción da vila, tal e como destacaron, na presentación do Formacip, o alcalde da vila, Evencio Ferrero, e o concellal de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira. A primeira edición do Carballo Interplay permitiu lanzar o nome da capital bergantiñá a nivel estatal. Un mesmo afán de proxección que tamén se está a conseguir con outras apostas culturais como o recoñecido FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro, ou a iniciativa de arte urbana "Derrubando muros con pintura" que, dende hai un ano, reúne a creadores e creadoras locais e internacionais.

Toda la info sobre la relación de cursos aquí.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica