Crónica d@s nos@s xenios
A I edición do congreso "Innovando. Cos pés na terra" daranos a coñecer aos inventores e inventoras actuais bergantiñás. Será no Fórum o 30 e o 31 de outubro.
Nisto da innovación, caemos nun erro de base. Adoitamos admirar o que se está facendo fóra e esquecemos que, tamén, na nosa contorna, están a xurdir proxectos creativos e exitosos. Carballo, unha vila de sangue novo, cunha importante franxa de poboación moza e dinámica, estase a destacar neste tipo de iniciativas, ao igual que a súa contorna. Para dárnolas a coñecer, o xoves e o venres desta semana terá lugar a primeira edición do congreso "Cos pés na terra", organizado por Axober (a Asociación de Xóvenres Empresarios de Bergantiños) coa colaboración do Concello de Carballo.
Nel poderemos saber dalgún dos proxectos máis innovadores das nosas empresas, coñecer en fóra exitosos emprendedores como Paco Morales, o inventor das gastroimpresoras, e participar ademais nos espazos para a formación e o encontro. O xoves pola tarde terá lugar o obradoiro Desing Thinking, que utiliza unha metodoloxía da universidade de Standford para transformar en produtos as ideas, e o venres, tamén pola tarde, terá lugar o encontro Lacon Network, que mes a mes reúne a emprendedores de diversas partes nun punto de Galicia e que, nesta ocasión, terá lugar en Carballo.
Inventos made in Bergantiños
Motor feito por Lupeón con impresión 3D
Á nosa xente moito lle dá a cabeza. E a sesión do xoves pola mañá, na que participarán diversas empresas de Carballo e dos arredores, é unha boa mostra. Algúns deles están a conseguir atravesar fronteiras. Tal é o caso do proxecto on line Fútbol Táctico, que é seguido por adestradores de fútbol e de fútbol sala de diversos puntos. Esta xente de Coristanco xa conseguiu entrar, con el, no mercado latinoamericano, e agora están lanzando a versión en inglés. Outra das iniciativas, Statics Boards, chéganos de Malpica para falarnos da súa experiencia: o deseño e fabricación de placas electrónicas, sobre todo para impresoras. Destacado é tamén o caso de Lupeón, que traballan no modelado e impresión en 3D, chegando mesmo a facer próteses dentais con impresoras 3D.
E a cousa non remata aquí. Na sesión do xoves pola mañá tamén estará Digiswitch, gañadores do premio Carballo emprende, e inventores dun sistema eléctrico que substitúe interruptores, conmutadores e cruzamentos por simples pulsadores, de modo que se elimina a chispa ao accionar o pulsador e se evitan riscos. No caso dos carballeses Bricogeek, o seu éxito deriva de teren convertido en auténticos geeks (persoas moi fascinadas pola tecnoloxía, máis aló do friki), con produtos á venda que sería difícil atopar en ningún outro lado. E tamén contaremos coa experiencia de Herfraga, unha das nosas empresas máis internacionalizadas, na fabricación e exportación de maquinaria para a industria conserveira, e de Mamá Lola, produtora de animacións e factoría audiovisual.
Inventos chegados de fóra
Teremos oportunidade de coñecelos o venres pola mañá. Con nós estará ese día, chegado dende Córdoba, o chef Paco Morales, alumno de Ferrán Adriá, que está a traballar na Gastroimpresión, a impresión en 3D de comida.
Xunto a el teremos a Adrián Muiños, que leva xa máis de quince anos comercializando algas, que hoxe chegan a países dos cinco continentes.Paco de Pin, da importante xestora cultural Nordesía, que se encarga de enventos como a organización do Womex, falaranos do novo modelo no negocio musical.
Design thinking e Lacon Network
Estación meteorolóxica en Bricogeek
O Congreso tamén terá lugar para a formación e o encontro de emprendedores. A formación correrá a cargo do obradoiro de Design Thinking impartido por Vermis Project, dous enxeñeiros industriais galegos que nos ensinarán, o xoves pola tarde, a aplicar os protocolos do deseño industrial a calquera idea que queiramos transformar en produto. O aforo está limitado a 25 persoas, polo que é importante inscribirse previamente.
O Lacon Network, que terá lugar ás 14.30 do venres, é unha quedada de persoas ligadas ao ámbito do emprendemento e das tecnoloxías que ten lugar todos os últimos venres do mes nun lugar diferente do país. O anterior foi en Vigo e este terá lugar en Carballo, coincidindo coa celebración do Congreso. Para inscribirse no Lacon Network será preciso o pago de 20 euros.
O resto das actividades son de balde, mais precísase inscrición pois o aforo limitarase a 100 persoas nas sesións de mañá.