Coñecendo a pé o noso patrimonio
A terceira edición do Outono en Marcha inclúe un total de seis rutas por importantes puntos de interese paisaxístico e patrimonial da zona.
O Outono é época de sendeirismo. A natureza recóllese de cara ao inverno pero, antes de facelo, agasállanos coa súa mellor esencia de cores e sabores. Poucas épocas hai no ano con esa riqueza cromática, tamén en Bergantiños. A Asociación Ambiental Senda Nova ten programado, para a terceira edición do seu Outono en Marcha, un total de seis rutas que percorrerán varios dos principais puntos de interese patrimonial e paisaxístico do concello dos seus arredores.
Polas paraxes munipais transcorrerán os itinerios que se adentrarán no espazo natural Razo-Baldaio, o Monte Neme, a Ruta das Férvedas ou os antigos territorios de dous dos máis importantes pazos carballeses, o de Vilardefrancos, o Pazo de Gontade e o das Pallas. Haberá, ademais, dúas andainas polos territorios de concellos veciños. Tal é o caso da "Senda das Capelas", que percorre a parroquia de Montemaior, na Laracha, e a ruta que nos dá a coñecer o Coristanco histórico.
Máis ca camiñar
As súas rutas non só dan moito para camiñar, senón tamén para coñecer, porque nelas, a interpretación do que é noso, dos nosos valores, é fundamental, así como tamén o é o espírito de grupo e de convivencia. Nas súas andainas participan dende nenos e nenas de primaria até xente xa maior, e ese é, de feito, un dos seus maiores atractivos: compartir camiño con persoas que ao mellor nunca se encontrarían nos axetreados camiños do día a día pero que, unha vez coinciden, lonxe de mundanais ruídos, son como unha piña.
Nos documentos adxuntos podes consultar tanto o cartel coa información (datas e modo de inscrición) das diferentes andainas que terán lugar até decembro como o vídeo promocional do Outono en Marcha.