Carballo a un paso

Inicio // Artigos // "Intento traballar cun humor moi honesto,...

Compartir:

"Intento traballar cun humor moi honesto, autobiográfico, e un pouco provocador"

Rober Bodegas actúa este venres, ás 00.00 horas, no segundo andar do Mercado Municipal

Rober Bodegas é, sen dúbida, o carballés máis mediático. Este venres actuará na súa terra, na primeira das xornadas da Rúa dos Contos, cun espectáculo que promete facer antoloxía dos seus mellores monólogos e provocar o riso cun humor sen filtros. Advertencia: o seu non é, precisamente, humor branco, e quizais o ser de Carballo algo teña que ver… Ás doce da noite, no segundo andar do Mercado de Abastos, fará preestrea do seu novo traballo: "Antoloxía sen filtros".

-Isto de actuar na propia terra impón?

-Non é que impoña, senón que te sentes máis na necesidade de agradar. Moita xente que vén a verte coñécete e queres facelo o mellor posible. En realidade, impón menos porque, se tes un día malo, sempre vai ser máis condescendente contigo a xente que te coñece. -

Ti empezaches a actuar pola zona hai xa máis dunha década…


-Empecei en 2002 na Coruña, nun local que xa non existe, e máis na Laracha, no D´Antón. A Carballo tardei un pouco máis en vir, un par de anos, porque lle tiña máis respecto. Ese medo que agora non me dá si mo daba antes. Actuei no concurso de monólogos do FIOT, no 2003, e gañeino, e a raíz de aí, de que me diron o visto bo, perdín o medo e empecei a actuar na vila. A primeira vez que actuei foi no Valle Inclán.

-Como é o que decides facer unha antoloxía do teu traballo?

-Non o decidín eu, senón a produtora coa que traballo. Eu estreo espectáculo cada dous anos, mais había posibilidade de facer unha xira. Dubidamos entre volver a xirar co espectáculo anterior, El umbral de la estupidez, ou, partindo da base sobre todo dese último espectáculo, ir introducindo tamén cousas dos shows anteriores e, ao mesmo tempo, probar material do novo espectáculo. Hai ao redor de vinte minutos de material novo, que aproveitamos para ilo rodando.

-Porque os espectáculos, como ben dis, son orgánicos, van medrando pouco a pouco…

-Actuando é como medran os textos. O que fago eu é orgánico. Non é como unha función teatral con texto cerrado. No meu caso, en base a improvisacións, ás relacións que estabeleces co público, á propia actualidade, ao que ves que funciona, vas mudando o espectáculo. En Madrid, estiven na Gran Vía tres anos co mesmo espectáculo en carteleira e, aínda que sempre tivo o mesmo título, dende a estrea até o final a porcentaxe que se mantivo puido ser dun 20%.

O humor: entre o xenético e o ambiental

-Podes adiantarnos algo do novo espectáculo que estás a preparar?

-Aínda non sei moi ben como será. Ultimamente intento traballar cun humor moi honesto, moi autobiográfico, e tamén un pouco provocador, e está resultando moi ben. En Madrid, o público está moi habituado aos monólogos, e por iso pode resultar ben que saia alguén cunha actitude diferente, que intente provocar ao espectador. Nesta xira incluirei 20 minutos do novo espectáculo, que serán basicamente sobre tabús sexuais, afondando en como se tratan no ámbito doméstico. Tamén hai unha parte sobre a supervivencia dos linces. O divertido é conectar temas que aparentemente non teñen nada que ver.

-E como se consegue estabelecer ese tipo de conexións para crear humor?

-Trátase de encontrar paralelismos, sen unha intención… Ao final non deixa de ser máis que outro tipo de metáforas, menos poéticas pero si máis graciosas. Se cadra niso está a capacidade para facer comedia, nesa maneira de pensar un pouco retorcida.

-Que hai de xenético, de ambiental e de preparación na capacidade para facer humor?

-Eu creo que de preparación ten moito, non no referido a formación, pero si de experiencia adquirida actuando moitísimo e investigando por conta propia. Eu agora levo doce anos nisto e creo que cando estreei o espectáculo anterior, hai case dous anos, houbo un punto no que empecei a entender o que facía. Antes facíao de maneira máis intuitiva. Non sabía porque algo podía facer graza. Agora si. A xenética cada un ten a súa, e sobre todo no caso do físico, tes que ser moi consciente do que che aporta ou che resta o teu físico, e como se pode xogar con iso. Por iso os textos case nunca son intercambiables no mundo do stand up. O ambiente supoño que inflúe moito. Os meus amigos teñen un humor moi semellante ao meu e con eles riste e saen ideas. Tamén tes o punto de vista de ter vivido aquí e en Madrid, que son ambientes que contrastan.

Sen censuras previas

-Influíu dalgunha maneira ser de Carballo no teu humor?

-Supoño que influíu moito ao principio. Fun carballés primeiro e despois carballés residente na Coruña, e iso xa crea un contraste. Ao principio, o meu radio de actuación era menor e permitíame facer moito humor sobre Carballo. Agora, aínda que me gustaría, tes que ter en conta que dificilmente podes chegar ao público de Valencia facendo humor sobre cousas locais de aquí, porque sería difícil de explicar. Nese sentido tiven que coller certa distancia. Pero lembro que até hai uns anos estaba moi presente a nosa idiosincrasia no humor, e agora de maneira implícita supoño que hai un carácter local que está presente.

-Refíreste a características como a retranca?

-Eu teño un discurso moi irónico, moi ácido, pero atribuílo só a Carballo… Virame máis por ser galego… Esa cousa de ser de costa pero tamén de interior fai que teñamos un carácter propio, que non somos nin como os de Santa Comba, nin como os de Malpica, e penso que crea unha personalidade con identidade.

-O espectáculo que vas traer a Carballo defínese como antoloxía sen filtros. Teste atopado moitas veces con censuras nas túas actuacións?

-Si, claro, na televisión constantemente e a veces tamén te encontras con públicos moi conservadores, aos que lles custa rirse con determinadas cousas. Escandalizan por oír certas cousas que en realidade non é nada que non saiban. Somos todos adultos e sabemos de que se está falando, e probablemente no seu ambiente privado fagan eses comentarios. Parece que polo feito de estar nun espazo público hai que ir de santos e creo que é un erro. Sobre o escenario, vas vendo a reacción da xente. Sen chegar a incomodar, vas pinchando un pouco, soltando e tirando da corda.

"O guai é cando a xente chega a dicir que se riu de cousas das que penseou que nunca se riría"

-Sobre o escenario, vas vendo até onde podes chegar…

-A intención é ser eu o que controla o entorno. O interesante é conseguir que pouco a pouco entren no teu xogo e aí é cando a experiencia resulta guai, cando a xente chega a dicir que se riu de cousas das que penseou que nunca se riría. Se a alguén non lle gusta o humor máis ácido, e máis subido de tono, que me descarte. Hai moita xente facendo humor branco. Como non podes ser do gusto de todos, intentas ser do gusto dos que a ti che gustan.

-E que xente che gusta a ti?

-É xente con poucos prexuízos, que entende que todo o que se diga nun entorno de comedia ten como fin último facer rir. Hai quen o toma moi en serio e non entende o código. Cando vas ao cine sabes que o que está pasando en todo momento é ficción, e non te vas levantar porque nunha escena maten a un cativo, pero se eu fixera esa broma moita xente se ofendería, sendo que a única diferenza é que un espectáculo e gravado e outro é en directo. A nivel de artes escénicas estamos moi deseducados. A diferenza doutros países a penas se nos educa musical ou teatralmente. Son cousas que na escola non ensinan, nin se crea curiosidade por elas.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica