Carballo a un paso

Inicio // Artigos // "Escribo porque escribo en galego"

Compartir:

"Escribo porque escribo en galego"

Xosé Neira Vilas estivo na Praza dos Libros de Carballo

Xosé Neira Vilas só se ve a si mesmo escribindo en galego. É así como considera que pode ser útil, que pode achegar. O autor dese auténtico bestseller que, dende os anos 60, vén sendo Memorias dun neno labrego, estivo un ano máis na Praza dos Libros. Á vista quedou que é, non só todo un pozo de sabedoría senón, ademais e sobre todo, unha persoa moi querida.

-Non é a primeira vez que visita vostede a Praza dos Libros…

-Non, non… Estiven varias veces. Dende hai tres ou catro anos veño sempre á feira dos libros. E, ademais, pido eu estar. Falei con Nel Vidal [técnico do Servizo de Normalización Lingüística de Carballo] porque quería estar aquí. Este ano só fun á feira dos libros da Coruña e mais á de Carballo. O ano pasado asinei moitos libros aquí. Carballo está na órbita da Costa da Morte. Agora vaise publicar un libro, por iniciativa da asociación Monte Branco do Couto, Xosé Neira Vilas na Costa da Morte, onde vai saír mesmo o acto de hoxe. Paso por aquí moitas veces, para ir a Malpica, Ponteceso e outras zonas da Costa da Morte, onde teño amigos.

 -Cal é a súa relación con Carballo?

-Teño amigos desta zona. Hai vinte anos estiven en Suíza por invitación de Ramón Carreira, carballés e presidente da sociedade Sementeira de Basilea.

-Hoxe estivo presentando dous libros, un deles un epistolario, titulado Epistolario diversos, con cartas sobre Galicia que ao longo dos anos lle foron remitindo

-Un epistolario con cartas con importantes personalidades galegas e españolas, e aparte, unha vintena de cartas de filólogos, historiadores, etc. doutros países, como o antropólogo Staffan Mörling. Todas elas están relacionadas con Galicia.

-Comentaba vostede na presentación que, hoxe en día, nos tempos do correo electrónico, sería difícil ter material para facer un libro deste tipo…

-Agora as cartas son de urxencia. Catro palabriñas e nada máis. Tanto é así que non arquivo esas cartas. Contéstoas pero non as gardo, así como gardei as outras ao longo de moitos anos.

"Preguntoume un xornalista mexicano hai pouco por que escribía libros. E eu respondinlle: "Escribo porque escribo en galego". Se escribira en castelán non ía achegar nada novo."

-Tamén presentou Días de Cuba…

-Días de Cuba son unhas memorias dos 31 anos que vivín en Cuba. Falo da miña vida laboral  (alí fun xornalista, tradutor…). Tamén fago referencia a figuras como Fidel Castro ou Che Guevara. Tamén falo de amigos meus como o poeta Nicolás Guillén, o profesor Alejo Carpentier… e conto a miña relación con eles.

-Escribir é entendido por vostede como un deber…

-Si. Preguntoume un xornalista mexicano hai pouco por que escribía libros. E eu respondinlle: "Escribo porque escribo en galego". Se escribira en castelán non ía achegar nada novo. É un idioma consolidado. Pero en galego podo achegar, podo enriquecer o idioma, podo axudar moito á cultura galega. Iso é o que pretendo.

-Para vostede, ¿tamén foi un deber escribir sobre Cuba neste momento?

-Deber propiamente non. O de Cuba foi unha necesidade sentimental, necesidade entrañable de contarlles aos amigos e aos lectores a miña traxectoria neses anos. Sobre Cuba hai unha desinformación grandísima porque Estados Unidos é inimigo de Cuba e ten uns medios de difusión que controlan todo. Moita xente está enganada. A UNICEF acaba de informar que os nenos de Cuba son os mellor alimentados e nutridos de América Latina. As cifras de mortandade infantil é a máis baixa do mundo, ao nivel de Canadá e máis baixa ca en Europa. Lese moito. As tiradas de libros son de 70.000-80.000 exemplares. Da revista para nenos que faciamos alí tirabamos 250.000 exemplares e duraban 15 minutos nos quioscos. Segundo a UNESCO, en Cuba lese unha media de 6,5 libros por habitantes ao ano, fronte ao 1,8 en España.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica