Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Descontos até do 40% en Berocasión

Compartir:

Descontos até do 40% en Berocasión

A feira de vehículos usados e de quilómetro cero da capital bergantiñá estará aberta sábado e domingo, de dez da mañá a dez da tarde, no parque do Rego da Balsa.

Até descontos do 40%. Berocasión, a feira carballesa do automóbil usado, tráenos esta fin de semana á capital bergantiñá un amplo escaparate de máis de 200 vehículos de segunda man e quilómetro cero a prezos de rebaixa. Cita xa consolidada na axenda anual carballesa, ofreceranos ademais outros atractivos, como unha mostra de coches de rallies e un circuíto de seguridade e de karts a pedais para as e os peques da casa. A feira estará aberta de dez da mañá a dez da noite, sábado e domingo, no parque do Rego da Balsa.

Os prezos devalarán en xeral dos 3.000 aos 35.000 euros aínda que poderemos encontrar vehículos cun custo mesmo inferior. A feira contará tamén con vehículos de importación. Participan, nesta edición, un total de cinco talleres e concesionarios da vila: Dimolk, Vilas Rama, Talleres J. Lema, Caeiro e Motor Carballo.

A organización confía en seguir a incrementar as vendas, ao igual que aconteceu en 2013. O bo tempo e a coincidencia tanto coa Praza dos Libros (a feira literaria carballesa) como co feirón (a feira de produtos agrícolas que se celebra cando o mes conta con cinco domingos) serán seguro bazas ao seu favor.   A capital bergantiñá conta cunha dinámica axenda relacionada co mundo do motor.

En Berocasión poderemos ver xa anunciada a próxima cita, para mediados deste mes de setembro. Será o 2º Aucross Carballo, proba puntuable para o campionato galego, que se celebrará no circuíto de Bértoa, un dos máis importantes de Galicia.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica