Axenda da finde
Esta é unha finde de intensa actividade en Carballo: Praza dos Libros, a feira do vehículo de ocasión Berocasión, monólogo de Luis Zahera, festas en Goiáns e, ademais, feirón.
VENRES
Festival de Música e Baile Tradicional. 22.00h. en Carballo. Pechará, xunto coa Praza dos a programación do Verán Cultural carballés este ano. O festival contará coa Banda Municipal de Gaitas, e as asociacións Nemeth, San Campio e Arume.
A un paso. Noite dos Encantos en Corme. A fin de semana terá un comezo máxico o venres na furna do Osmo, en Corme, onde se celebra a Noite dos Encantos. Pola tarde, a partir das cinco, haberá marioetas, foliada polos bares da vila, concerto de Clave de Fado no chiringuito "Lixeiros de Roupa" e mesmo nos contarán unha lenda: “A verdadeira historia da Conquista de Chile”. Mais aló das dez da noite, actuarán Folkólicos, Ptxaranga, Labregos do tempo dos Sputniks, a chilena Evelyn Cornejo e Pan de Capazo.
SÁBADO
Monólogo de Luis Zahera na sala A Reserva: Luis Zahera, o Petróleo da serie "Mareas Vivas", o carteiro de Luar ou o ionqui da peli "Cela 211", está o sábado en Carballo co seu monólogo Chungo. Será ás 23.00 h. na Sala A Reserva.
A entrada custa 8 euros (6 euros, se te fas con ela de maneira anticipada na Reserva ou no Patacón).
Festa do Pichorro en Cances. 20.00h. Ao lado do Centro social de Cances e das escolas unitarias, celébrase a XIII edición máis da Festa do Pichorro, a espiga de millo branco do país cando aínda é noviña e zumega leite. Comeza co pregón dunha veciña, Alba Méndez Casás, seguido de actuación do grupo de baile tradicional da parroquia. A cea, que estará amenizada coa actuación de Fol de Veleno e o monologuista Lucho Luchiño, iniciarase a partir das 21.30h. Haberá pichorros á grella, panceta, chourizos, doce e viño do país. Terminará a noite con baile, a cargo do dúo Omega. Ademais, celebrarase a cuarta edición do concurso de debullamento de millo co mango do fouciño.
DOMINGO
A un paso. Camiño dos Faros. 1ª etapa. Malpica-Niñóns. Iníciase este domingo a cuarta edición do Camiño dos Faros, roteiro sendeirista que, ao longo de oito etapas, percorre a Costa da Morte á beiriña do mar dende Malpica até Fisterra. A quedada é ás nove da mañá en Malpica. A actividade é de balde, agás os 3 euros do bus de volta. Xa o sábado se organizarán diversas actividades na pre-etapa: Quedada ás seis da tarde no Porto de Malpica para saber máis dos oficios do mar, roteiro ás sete polas rúas de Malpica: presentación de "Contos do mar de Irlanda" de Xurxo Souto ás 20. 30, viños e pinchos ás 21.30 pola vila e ás 23.00 h., actuación da Traskiband.
TODA A FINDE
Berocasión. Rego da Balsa. A feira carballesa do vehículo de ocasión abrirá as súas portas sábado e domingo de dez da mañá a dez da noite. A organización promete descontos de até o 40% en vehículos usados e quilómetro cero. Haberá, ademais, un circuito de seguridade para peques, unha mostra de kartcrós e outro de coches de rally. Participan os seguintes concesionarios e talleres: Dimolk, Vilas Rama, Talleres J. Lema, Caeiro e Motor Carballo.
Praza dos libros. Xardín municipal. Presentacións, primicias, actividades infantís, obradoiros… enchen a programación da edición deste ano da feira dos libros carballesa. Todas as compras terán un 10% de desconto. Se fas un gasto superior aos 30 euros, conseguirás como agasallo unha das grandes primicias desta Praza dos Libros, Os Bolechas en Carballo, que relata a viaxe dos coñecidos personaxes infantís á nosa vila. E, o domingo pola mañá, con cada compra obterás un pan de Carballo. O programa e máis info aquí.
Festas en Goiáns. As festas na parroquia de Goiáns comezarán o venres con sardiñada na Braña de Abaixo, ao redor das 22.30h. Haberá sardiñas, como non, mais tamén viño, churrasco, chourizos e queimada, e estará amenizada polo dúo De Café. O sábado haberá sesión vermú e verbena coa orquestra Nebraska. O trío Orquídea poñerá o punto final o domingo na sesión vermú. vermú con Nebraska e verbena con Nebraska.