Carballo a un paso

Inicio // Artigos // "En Carballo está habendo un nivel de actividades...

Compartir:

"En Carballo está habendo un nivel de actividades culturais que non ten parangón en ningún concello de Galicia"

Xan Fraga, historiador

Xan Fraga é toda unha enciclopedia viva de saberes sobre o noso concello. Os diversos volumes das Crónicas de Carballo que ten elaborado descóbrennos episodios sorprendentes e brillantes do noso pasado e das nosas xentes. El é, neste 2014, o encargado do pregón inaugural da Praza dos Libros.

-Dende cando es asiduo da Praza dos Libros?

-Coido que dende que empezou. Teño presentado tanto libros meus como doutras persoas. Considero que é un feito cultural importante para Carballo. Para min é un festa.

-Por que é un feito cultural importante para ti?

-En Carballo, nos últimos anos está habendo un nivel de actividades culturais que non ten parangón en ningún concello de Galicia, en todos os campos da cultura e da educación. E, ademais, préstalle moita atención á xente nova de Carballo e da comarca como vehículo de expresión e participación, e iso é moi importante para a xente que comeza a escribir, que doutra maneira ao mellor non terían esa oportunidade de saír á palestra en idades temperás. Ultimamente de Carballo están saíndo escritores importantes.

-Que aspectos vas tocar no teu pregón?

-Vai ser un canto á aventura, aos libros e as bibliotecas. E tamén farei algunha proposta persoal, como sería unha biblioteca especializada na Costa da Morte, de modo que Carballo fora un referente a nivel mundial nesta comarca tan literaria. Considero que Carballo, pola súa potencialidade demográfica e cultural, podía ser un referente da Costa da Morte, tendo todo o que se ten producido na Costa da Morte a nivel literario e lingüístico, e en diversas ramas do saber, con mapas, postais… da Costa da Morte. Sería un foco de atracción de congresos e simposios internacionais. Creo que sería unha cuestión importante a ter en conta. E despois, proporía pensar xa nunha terceira biblioteca. Xa andamos en 32.000 habitantes, pero non cumprimos coa ratio de libros por habitante segundo os criterios da UNESCO. Nesta mesma liña, podería ser moi interesante poñer máis en valor as bibliotecas escolares, dos coles e institutos, o que podería facerse con convenios a través das distintas administracións. Temos tres institutos con bibliotecas ben dotadas. Polas tarde non hai aulas e poderíanse abrir a toda a cidadanía. Carballo é xa unha cidade con barrios importantes e ten que ter uns puntos de lectura máis estendidos.

-Ademais das bibliotecas, vas facer lembranza dalgúns escritores carballeses, nonsi?

 -Si, ese vai ser outro dos fíos do pregón. A Xesús San Luis Romero, naceulle a vocación literaria lendo na biblioteca de Vilar de Francos, cando non había biblioteca pública en Carballo. Este ano tamén se fan os 60 anos da publicación de Mal de ollo!... Comedia de ambiente mariñeiro, de Cándido González, que foi premio Castelao en 1953.

"Gustaríame que pasaramos á historia como referente a nivel galego cultural, que creo que é o que está sendo nos últimos anos, dándolle a volta a unha imaxe negativa que Carballo arrastra durante moitos anos."

-E tamén deixaches lugar no teu discurso para imprentas carballesas históricas…

-Carballo, xa no século XIX, tivo unha das imprentas máis importantes de Galicia, a de Manuel Villuenda. Después trasladouse a Betanzos coa súa familia. Lembrarei tamén a imprenta de Gervasio, que foi testemuño dos séculos XIX, XX e XXI. Farei un canto tamén ao libro impreso. Aínda que creo que pode convivir cos dispositivos electrónicos, tamén penso que o non é o mesmo  poder pasar as páxinas dun libro que lelo en edición electrónica.

-Tes feito un importante traballo de investigación sobre a historia de Carballo. Como che gustaría que pasara á historia o Carballo actual?

-Gustaríame que pasara a historia como referente a nivel galego cultural, que creo que é o que está sendo nos últimos anos, dándolle a volta a unha imaxe negativa que Carballo arrastra durante moitos anos. Este Carballo novo que está no mapa galego está sendo moi interesante.

-Que partes da historia de Carballo consideras máis atractivas?

-Carballo era un referente urbanístico a nivel galego nos anos 20 do século XX a nivel galego, como xa dixo Carre Aldao. A min tamén me interesa moito o século XVIII, que é cando nace o Carballo moderno, coa redescuberta dos baños de Carballo, do que se di no momento que son dos máis importantes e suntuosos do Reino de Galicia. E tamén me interesa explicar os porqués, por que carballo sufriu esa hecatombe nos anos 60 e 70, cando se perdeu o concello, a igrexa… Dende hai quince ou vinte anos, Carballo estase recuperando e dándolle a volta a esa imaxe negativa.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica