Carballo a un paso

Inicio // Artigos // A Praza dos Libros, escaparate da creatividade...

Compartir:

A Praza dos Libros, escaparate da creatividade galega

Primicias, presentacións literarias, animacións infantís e moito máis este ano nunha das últimas citas do verán cultural

Carballo é coñecido pola súa "praza", a praza de abastos, con gran variedade de produtos da terra de Bergantiños e do mar da Costa da Morte. Mais, chegado xa case agosto ao seu fin, hai outra praza pola que a nosa vila acada sona, a Praza dos Libros. Esta importante feira da creatividade galega terá lugar  este ano do xoves 28 ao domingo 31 de agosto, coincidindo o seu inicio  coa feira local que todos os xoves congrega aos labregos e labregas da zona e co feirón que ten lugar sempre que o mes ten cinco domingos. Así, produtos da terra e dos prelos, das mans e dos maxíns, conviven en atractiva harmonía.  

A Praza dos Libros de Carballo inaugurarase o xoves 28 ás 12.30 h, con pregón do historiador carballés Xan Fraga. Todas as compras terán un 10% de desconto. Se fas un gasto superior aos 30 euros, conseguirás como agasallo unha das grandes primicias desta Praza dos Libros, Os Bolechas en Carballo, que relata a viaxe dos coñecidos personaxes infantís á nosa vila. E, o domingo pola mañá, con cada compra obterás un pan de Carballo.

Primicias  

A Praza dos Libros traeranos este ano dúas primicias moi ligadas a Carballo. Presentarase o libro infantil Os Bolechas en Carballo e, ademais, poderemos ter entre mans por primeira vez os Contos de Taberna en formato libro, unha exitosa iniciativa que, esta pasada primavera, xuntou os esforzos de escritores e escritoras da zona e mais artistas plástic@s para elaboraren un total de catorce contos inspirados en varios bares, tabernas e locais hostaleiros da nosa vila, entre eles, Xurxo Borrazás, Rosalía Rial ou Mercedes Queixas, Henrique Mariño, Cristina Abelleira ou María Canosa.  

Unha praza tamén para peques  

A participación das minchas da casa, as e os novos cativos, será fundamental nesta nosa praza da creación galega. Así, as nenas e os nenos contarán con múltiples actividades, como o concerto humorístico Petiscos musicais, de Os Tres Tenedores (xoves ás 18.30 h), o obradoiro Xogos musicais, de Luís Prego (venres ás 12.00 h), a animación da Ciclobiblioteca (venres ás 17.30 h), o concerto infantil Merenda con pan de millo, de Migallas (venres toda a tarde), obradoiros creativos do grupo artístico Creaformas (sábado toda a tarde), o contacontos A maleta da avoa, de Raquel Queizás (sábado ás 18.30 h) ou o pasarrúas d’Os Bolechas (domingo pola tarde).  

Autores/as en vivo e directo

Un dos grandes atractivos da Praza dos Libros é poder coñecer as e aos autores daqueles libros que nos apaixonan en directo. Contaremos con todo un referente das nosas letras, Xosé Neira Vilas, que tampouco este ano se quixo perder a visita a Carballo. Será o sábado pola tarde para presentar Días de Cuba (Galaxia) e Epistolario diverso (Embora). Outro referente, pero nesta ocasión dos mares atlánticos da Costa da Morte, o percebeiro Suso Lista, presentará Salseiros o xoves pola tarde. O polifacético e enerxético Xurxo Souto estará o domingo na capital bergantiñá para presentar Contos do Mar de Irlanda (Xerais) en pleno feirón (domingo, ás 12.30h).  

Pero haberá moito, moito máis. Libros fresquiños e para todos os gustos. O venres poderemos coñecer Xogos musicais (Cumio), de Luís Prego a través dun obradoiro, e Merenda con pan de millo (Kalandraka), de Migallas, a través dun concerto). Rosalía Fernández Rial, poeta da zona cada vez máis coñecida alén as nosas terras malia á súa xuventude, presentará o poemario Ningún amante sabe conducir (Positivas), nun recital musical acompañada do pianista Serxio Moreira.

O sábado pola mañá toca fútbol, e diversos protagonistas deste deporte farán un debate para presentar Mar de paixón, a historia do fútbol da Costa da Morte contada por  Héctor Pose e Luís Porto. E o mesmo sábado, ás 20.30 h, é a vez da presentación en primicia do libro Contos de taberna (Embora).

"Contaremos con todo un referente das nosas letras, Xosé Neira Vilas, que tampouco este ano se quixo perder a visita a Carballo."

O domingo pola tarde, e a través dun recital, presentaranse os poemarios Chamádeme Eva (Caldeirón), de Mercedes Leobalde, e Transfusión oceánica (Caldeirón), de Xosé Iglesias. E ás 19.30 h., terá lugar unha das presentacións máis agardadas, por ser primicia,  Os Bolechas en Carballo (Bolanda), a aventura da máis coñecida familia da literatura infantil galega na súa visita á nosa vila, un libro que, ademais, será agasallado durante a Praza dos Libros con compras superiores aos 30 euros. E para pechar as presentacións da feira, ás 20.30 h. é a vez de Ramón Vilar Landeira, que nos ofrecerá os seus relatos compilados en Os televisores estrábicos (Xerais).

Horario e librarías  

Na Praza dos Libros terán presenza sete librarías, da zona e de vilas e cidades próximas:  Brañas, Trasgo e Ler (de Carballo), Roget (de Vimianzo), Pedreira (de Santiago), Á lus do Candil (de Arteixo) e Couceiro (da Coruña). O horario de apertura é de 11.00 h a 14.00 h polas mañás e de 17.30 h a 21.30 h polas tardes.


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica