Axenda da finde
Música, deporte, festas e paparotas. A programación da finde en Carballo e a un paso, na Costa da Morte, promete.
VENRES
Begoña Riobó é considerada a violinista de maior proxección de Galicia. Nas súas mans, o instrumento transmite virtuosismo e ledicia e cobra un protagonismo inédito na nosa música tradicional, que adoita estar liderada pola gaita.
Poderás escoitala, coa súa banda, Riobó, este venres, a partir das dez da noite, na Praza do Concello e de balde. Nesta entrevista para Turismo Carballo, concreta máis detalles do que nos vai ofrecer.
SÁBADO
O Circuíto BTT 12 horas é toda unha proba de resistencia. Dende as 10 da mañá ás 10 da noite, as persoas e equipos participantes han de percorrer un circuíto duns dez quilómetros que parte das pistas do parque empresarial de Bértoa. Haberá mencións especiais para quen máis voltas consiga dar ao circuíto. Máis de 300 participantes están xa inscritos. Máis info aquí.
E, para repoñer forzas, nada mellor que unha boa paparota. Este sábado, en Imende (Baldaio) terá lugar a decimosétima edición da Festa do Berberecho. Á unha da tarde comezarán a servir as racións, que serán de empanada, berberecho en salsa e ao vapor. A sesión vermú e a verbena da noite estará protagonizada pola orquestra Almirantes. Ás oito da tarde actuará o grupo tradicional Bilitroque da asociación Arume de Berdillo.
Este mesmo día tamén haberá festa noutra das nosas localidades costeiras, Razo. A Festa da Praia comezarán con alborada e misa solemne á unha da tarde na honra das persoas afogadas, e contarán con sesión vermú, churrascada e mais verbena.
Nunha paraxe certamente fermosa e peculiar da Costa da Morte, a Praia dos Cristais, en Laxe, terá lugar o VIII Solpor poético, ás oito da tarde. Actuará o cantautor Xoán Eiriz e entregaranse os premios do VIII Certame de Poesía Antón Zapata.
Para quen prefira sendeirismo, noutro concello próximo, Vimianzo, terá lugar unha visita guiada polo sur do termo municipal, que nos dará oportunidade de coñecer castros, necrópoles megalíticas e dolmens. A ruta iniciarase ás sete da tarde no Castelo de Vimianzo.
TODA A FINDE
Seguimos nas semanas máis festeiras do ano. Nesta finde, tocan festas en Malpica, en Santa Comba e en Coristanco. As Festas do Mar de Malpica contarán coas orquestras París de Noia e Fania o venres; con Nueva Generación e o Combo Dominicano o sábado, e con Aché e disco móbil o domingo.
As festas de San Roque, en Moraime (Muxía) traerán o sábado ás orquestras Metrópolis e Filadelfia. A mesma orquestra, A Filadelfia, estará o domingo nas festas de San Luís, na Pereira, en Santa Comba. E, en Coristanco, o sábado actuarán Ilusión e Olympus e o domingo o grupo D´Moda.
Para amantes das artes escénicas tamén haberá o seu lugar na Costa da Morte. En Dumbría celebrarase a primeira edición das xornadas de teatro Dumbría a Escena, do venres 22 ao domingo 24 de agosto. Xosé Antonio Touriñán, a Mucha das Cantareiras de Ardebullo, traerá o venres risos asegurados co seu monólogo "Manolo Lojo".