Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Galiza en branco e negro

Compartir:

Galiza en branco e negro

Mesmo en branco e negro, o noso país é fermoso. Amósanolo a exposición que acolle o Fórum do 24 de xullo ao 15 de agosto.

Imaxe do cartel da mostra

Imaxe do cartel da mostra

Mesmo en branco e negro, ou sobre todo en branco e negro, Galicia é fermosa. Ao igual que, cando falla un sentido, os outros se agudizan, a ausencia do abano de cores fai que a fotografía se concentre no sentimento, nas formas, na mensaxe. Dende o 24 de xullo ao 15 de agosto, o Fórum de Carballo acolle a exposición "Galiza B/N", a primeira mostra do colectivo do mesmo nome, conformado en 2009 por un grupo de persoas unidas polo amor á fotografía, pola ligazón con Galicia, e, sobre todo, polo procesado en branco e negro, que é a súa característica distintiva.

Corenta fotografías, corenta olladas, corenta formas de sentir. As imaxes que conforman a mostra viaxan polas máis diversas temáticas, dende os motivos máis intimistas até as fotografías panorámicas, e teñen un único común denominador: o procesado das mesmas en branco e negro.

O colectivo conta cunha orixe moi ligada á Costa da Morte, pois foi promovido por un ceense, Juanma Abelleira Ronquete, e del forma parte o carballés Roberto Rey, da empresa Caremer, que patrocina a mostra en Carballo.

Dende o principio, a idea foi recuperar o uso do monocromo na fotografía, tendo en conta o seu abandono por parte das comunidades fotográficas, e sobre todo, a estela de grandes fotógrafos como Ansel Adams, Robert Capa, Henri Cartier Bresson ou Chema Madoz.

Itinerando por Galicia e o norte de Portugal

"Naufraxio en Seiruga", de Roberto Rey

O colectivo está formado na súa maioría por afeccionados e afeccionadas á fotografía, mais tamén conta con profesionais. Dende a súa orixe teñen presenza nas redes sociais. O grupo naceu en Flickr coa finalidade de compartir fotografías en branco e negro, e logo tamén se instalou en Facebook.

Ao longo deste tempo, foron organizando quedadas fotográficas e publicando as súas obras nas redes. Foron así medrando, ao mesmo tempo que medraba a calidade das súas obras. Agora, con esta primeira mostra colectiva, nacida da escolma do feito nestes últimos anos, queren achegar ao público o seu traballo.

A mostra leva varios meses itinerando por Galicia e o norte de Portugal. A Carballo chega dende Ferrol e, despois da súa estadía nas nosas terras, aínda lle queda un longo percorrido que rematará en xaneiro de 2015, tras visitar A Coruña, Camariñas, O Carballiño, Chantada, Redondela, Santiago e Vigo. Dado o éxito da iniciativa, dende o colectivo xa están a pensar na organización dunha nova mostra para o vindeiro ano, con fotografías novas e, desta vez, cun fío condutor.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica